Paisaje desde Cabo Udra.

A Deputación de Pontevedra pechou hoxe a inscrición para os baños de bosque do programa “Bosques terapéuticos”, que arrasou cun cheo absoluto. En tan só unha semana esgotáronse as 450 prazas e completouse a lista de espera para participar nas 30 rutas que se desenvolverán este verán por 5 parques forestais da provincia.

Esta nova iniciativa, turística e sostible, levarase a cabo do 18 de xullo ata o 27 de setembro nos parques forestais de Freaza (Fornelos), A Picaraña (Ponteareas), Cabo Udra (Bueu), Camposancos (A Guarda) e Serra da Groba (Oia). Cada ruta, que durará ao redor de hora e media, terá un máximo de 15 participantes co fin de garantir a calidade da mesma e respectar as medidas de seguridade sanitaria. As persoas participantes deberán levar calzado e roupa cómoda, auga ou infusións para beber, un par de bolsas para o lixo e un móbil para casos de emerxencia.

Para poder sentir profundamente a experiencia dos baños de bosque, as e os participantes deberán desconectar os móbiles, observar a luz solar, percibir os sons e aromas, camiñar e respirar con calma e en silencio, ter a mente aberta, e, sobre todo, desfrutar do momento.

Os baños de bosque, técnica procedente de Xapón, buscan afondar na natureza para relaxar a mente e reducir os niveis de estrés. Trátase dunha actividade recomendada para todo o mundo xa que ten beneficios para o cerebro ao producir máis felicidade e reducir o estrés e risco de padecer demencia, para os ollos polo seu efecto relaxante e restaurador, para o
corazón ao reducir a tensión arterial e diminuír o ritmo cardíaco, para o sistema dixestivo, o sistema inmunitario e para aumentar a esperanza de vida.

A ruta polo bosque de Cabo Udra en Bueu, declarado Zona Especial de Conservación e parte da Rede Natura 2000, ten unha distancia de 1.600 metros e unha dificultade baixa. Conta cunha paisaxe costeira de peñascos, acantilados e mato, na que destaca o seu hábitat submarino. Este espazo, localizado no sur da ría de Pontevedra fronte a Illa de Ons, conserva restos dun castro e recomendables praias e calas.

No que respecta ao bosque de Freaza, en Fornelos entorno á conca do río Barragán, o seu trazado discorre a diferentes alturas pero mantendo o río como eixo central, facendo deste sendeiro unha experiencia inolvidable. Antes de desembocar no embalse de Eiras, o curso do río caracterízase pola presencia dunha mata de bosque autóctono cheo de beleza natural, ademais dun gran patrimonio etnográfico como muíños, pontes ou levadas. Esta ruta terá unha distancia de 1.400 metros e unha dificultade media.

No espazo natural de Camposancos, na Guarda, destaca a praia virxe do Muiño, de gran extensión, que se atopa na desembocadura no río Miño. Un areal resgardado por un bosque de piñeiros nos que terá lugar parte da actividade. Amais, resalta tamén a presencia de salinas rupestres que se sitúan na idade de Bronce. Esta ruta terá unha lonxitude de case 1 quilómetro e unha dificultade baixa.

En canto ao bosque Serra da Groba, en Oia, declarado como Espazo Privado de Interese Natural, trátase dunha das escasas masas de sobreiras que se coñecen en Galicia que amais conta con carballos e castiñeiros. A ruta tamén é dun quilómetro e conta cunha dificultade baixa. Por último, a ruta polo bosque da Picaraña en Ponteareas, con 600 metros de lonxitude e dificultade baixa, permitirá desfrutar dun bosque autóctono de carballos, abeleiras e piñeiros. Amais, no itinerario tamén se atopa unha gran diversidade de rocas de grandes dimensións, como o Penedo do Equilibrio e o Penedo do Castro.

As visitas están destinadas ao público en xeral para poder desfrutar destes parques que forman parte do programa de recuperación e posta en valor que financiou a Deputación nestes últimos anos. Cada unha das rutas ten un tema central, segundo as características e valores de cada espazo, e sobre el xirará toda a actividade, dirixida por persoal experto en proxectos relacionados coa difusión e interpretación do patrimonio e o turismo sostible.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *