Foto: RECETAS DE RECHUPETE

Participarán establecementos de hostalería e comedores escolares de Marín, Bueu e Moaña

A Deputación de Pontevedra, a través do departamento de Lingua, vai distribuír entre 33 concellos da provincia manteis divulgativos sobre o ‘Caldo de Gloria’, unha receita humilde que Rosalía de Castro menciona no poema ‘Miña casiña, meu Lar’ do Libro Follas Novas. Na comarca do Morrazo participarán os concellos de Moaña, Bueu e Marín. A iniciativa, que se desenvolve da man da Fundación Rosalía de Castro’, pretende poñer en valor tanto a lingua galega como a gastronomía tradicional popular.

Mantel do Caldo de Gloria.

Os manteis serán utilizados o vindeiro día 23, cando se conmemora o aniversario do nacemento de Rosalía, nos comedores escolares dos centros de ensino públicos e na hostalería local de cada municipio. No criterio de reparto primáronse os establecementos que ofertarán o ‘Caldo de gloria’ na súa carta para celebrar a efeméride sobre a autora de Padrón, os que utilizan o galego como lingua principal, e os que participan do Plan Revitaliza e dispoñan do selo distintivo do plan provincial de compostaxe.

Nesta simbólica iniciativa estaban a disposición dos concellos da provincia 8.000 exemplares do mantel individual de papel co poema e a explicación sobre o Caldo de Gloria. O reparto fíxose por estrito orde de solicitude cun máximo de 150 unidades aos concellos de menos de 5.000 habitantes, 200 aos de entre 5.000 e 10.000, 300 aos de entre 10.000 e 20.000, e 500 aos de entre 20.000 e 50.000.

Os concellos e/ou os locais de restauración que precisen máis unidades para estender a proposta teñen a oportunidade de descargalos e imprimilos de maneira autónoma dende a páxina web da Deputación e tamén da Fundación Rosalía.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *