O programa permitirá que estes concellos destinen recursos a construír e mellorar instalacións deportivas ou adquirir novos equipamentos
A Deputación de Pontevedra destinará 350.000 € do Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas a Bueu, Moaña e Cangas. Con este novo programa estes concellos, cuxa poboación conxunta ascende a máis de 58.000 habitantes, poderán destinar recursos a construír e mellorar instalacións deportivas, adquirir terreos para uso deportivo ou mercar equipamentos ou material.
O Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas ascende a 4 millóns de euros aos que poden optar todos os concellos da provincia agás Pontevedra e Vigo, que se rexen por convenios específicos. As bases do plan, que veñen de ser publicadas o pasado 22 de decembro no Boletín Oficial da Provincia, establecen que os recursos serán distribuídos nunha parte fixa a repartir entre os concellos (1,2 millóns de euros) e noutra variable en función da poboación (2,8 millóns de euros). Deste xeito, o concello de Cangas pode beneficiarse de preto de 153.000€, Moaña de máis de 116.000€ e Bueu de máis de 79.000€ para construír novas instalacións e espazos públicos de uso deportivo, incluídas as cubertas destes espazos; modernizar, remodelar ou mellorar as instalacións deportivas; dotar de equipamentos ou material deportivo estas instalacións; ou adquirir terreos destinados a uso deportivo.
As bases do Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas contemplan que os concellos terán tres meses dende a publicación da convocatoria para presentar os proxectos de orzamentos destas actuacións deportivas, que deberán ser superiores aos 20.000 euros ou, no caso da compra de material, un mínimo de 6.000 euros. Ademais, os investimentos deberán estar executados na súa totalidade o 30 de abril de 2025 e as axudas son compatibles con outras subvencións, polo que os Concellos poderán contar con achegas doutras administracións sen que a contía do organismo provincial se vexa reducida.