A Deputación de Pontevedra vén de aprobar en Xunta de Goberno o expediente de contratación para adxudicación do servizo de formación para a segunda convocatoria da iniciativa formativa “Labora 2020”, proxecto cofinanciado polo Fondo Social Europeo. Así o presentou a presidenta do ente provincial, Carmela Silva, que explicou que “o emprego segue a ser unha das grandes preocupacións das administracións públicas». O orzamento deste segundo contrato ascende a case 2.400.000 euros, mentres que a inversión total do proxecto ascende a 5.000.000 euros.
Con este segundo contrato do proxecto Labora 2020 preténdese desenvolver 29 accións formativas que están incluídas en catro itinerarios de formación: atención sociosanitaria a persoas dependentes en institucións sociais, atención sociosanitaria a persoas no domicilio, docencia da formación profesional para emprego e xestión de chamadas de teleasistencia.
Deste xeito, “trátase de formación para que a xente desempregada máis vulnerable poida ter a formación necesaria para “situacións e empregos que hoxe van ter unha enorme demanda”,
segundo amosou Carmela Silva.
As accións formativas desenvolveranse ó longo do ano 2021 nos concellos de Cambados, Lalín, Moaña, Mos, Pontevedra, Vigo, O Porriño, Valga, A Guarda, Cangas e Vilagarcía. En total, 435 persoas sen emprego van poder participar nestes cursos, que serán presenciais e contarán con axudas en concepto de transporte e asistencia para contribuír á súa realización. “Esta é a aposta da Deputación para favorecer a empregabilidade das persoas máis vulnerables: persoas mozas que teñen risco e dificultades para acceder ó emprego, persoas de máis de 55 anos, persoas con diversidade funcional e tamén inmigrantes, minorías
étnicas e comunidades marxinadas”, dixo a presidenta da institución.