César Mosquera, de visita na rúa da Pedra, en Bueu, afirma que tódalas obras suman para lograr que a xente teña menos medo aos coches, máis calidade urbana, menos accidentes e máis espazo para gozar
A Deputación de Pontevedra súmase este xoves, 22 de setembro, á celebración do Día Mundial sen Coches coa posta en valor do seu modelo de mobilidade sostible e segura e de recuperación do espazo público para as persoas, que tense consolidado xa como un referente a nivel nacional e mesmo internacional. Deste xeito, o vicepresidente provincial, César Mosquera, e deputadas e deputados provinciais percorreron ata oito actuacións coas que exemplificaron a transformación do territorio ao abeiro do modelo provincial ao longo de todas e cada unha das comarcas da provincia.
A comarca do Morrazo avanzou, da man da Deputación, na transformación dos espazos públicos cara ao modelo de mobilidade amable e do século XXI que a Administración provincial impulsa dende hai 7 anos. O vicepresidente, César Mosquera, estivo hoxe en Bueu, visitando a rúa da Pedra, acompañado do alcalde, Félix Juncal, para celebrar o Día Mundial Sen Coches e exemplificar unha das 45 actuacións de fomento da mobilidade integral executadas con financiamento provincial na comarca morracense e que supuxeron, en conxunto, un investimento acumulado de 6.673.000 euros nos concellos de Bueu, Cangas e Moaña.