A Deputación de Pontevedra aprobou este venres na Xunta de Goberno destinar 200.000 euros da liña 1 de investimentos do Plan +Provincia 2026-2027 para Bueu. O presidente provincial explicou que, con estes recursos, o Concello poderá afrontar a achega municipal do investimento do Plan Extra 2025 para a humanización da contorna da rúa Nova de Arriba, en Beluso, de maneira que institución provincial financia ao 100% esta actuación, que ten un orzamento de case 800.000 euros.
A actuación prevista desenvolverase no centro urbano de Beluso, nunha zona situada na contorna da estrada autonómica PO-315, que conecta Bueu con Cangas, e da vía provincial EP-1301, coñecida como Rúa Nova de Arriba. O proxecto ten como obxectivo a humanización de tres tramos viarios municipais e da Praza da Rúa Nova, antigo campo da festa, nun espazo de máis de 4.000 metros cadrados que pasará a ter prioridade peonil. Para iso, substituirase o actual pavimento de aglomerado por unha plataforma única ao mesmo nivel, combinando formigón e lastro de granito para favorecer unha mobilidade máis accesible e
cómoda para a veciñanza, especialmente para persoas con mobilidade reducida, cadeiras de rodas ou carriños de bebé.
A intervención inclúe tamén a renovación integral da Praza da Rúa Nova, coa creación dun novo espazo peonil, novas zonas axardinadas e a conservación do arborado existente para reforzar as zonas de sombra.
Ademais, mellorarase a contorna do cruceiro co obxectivo de poñer en valor este elemento patrimonial. O proxecto contempla tamén actuacións sobre as redes de servizos, coa mellora da drenaxe mediante novas canlóns e reposición de sumidoiros, a instalación dunha nova iluminación pública LED máis eficiente e adaptada ao carácter peonil do ámbito e o soterramento das liñas aéreas de baixa tensión para eliminar o impacto visual dos postes existentes e liberar espazo público

