As achegas, que se poden solicitar ata o 30 de setembro, permitirán ás entidades financiar gastos de persoal, de material ou de reparación e conservación dos seus locais
A Deputación de Pontevedra acaba de poñer en marcha a nova convocatoria da liña de axudas de apoio ás escolas de música xestionadas por asociacións sen ánimo de lucro da provincia que neste 2025 ascende a 120.000 €, un 20% máis que no 2024. Así o notificou o deputado de Cultura, Jorge Cubela, na visita realizada á Asociación Xuvenil Cultural Staccato, de Cangas do Morrazo, que nos dous últimos anos se beneficiou de preto de 5.300 desta liña de axudas provincial.
As axudas, que teñen aberto o prazo de solicitude ata o 30 de setembro, permitirán ás escolas financiar gastos de persoal, de material de oficina e de subministracións, actuacións de reparación e conservación
dos seus locais ou de instrumentos, as primas de seguros, servizos de asesoría ou xestoría e tamén gastos
de prevención de riscos ou recoñecemento médico. As subvencións outorgaranse en réxime de
concorrencia competitiva e teranse en conta criterios como o número de alumnos, o número de docentes, o orzamento de gastos da escola ou as especialidades impartidas.
O goberno de Luis López dirixiu nos últimos dous anos 190.000 euros ás escolas de música dependentes de asociacións sen ánimo de lucro da provincia. En concreto, na comarcade Morrazo a entidade beneficiaria foi a Asociación Xuvenil Cultural Staccato, de Cangas do Morrazo, que no 2023 recibiu preto de 2.600 euros e no 2024 preto de 2.700 euros desta liña de axudas provincial.
A Deputación pon en marcha estas axudas tendo en conta que as escolas de música da provincia eríxense
como dinamizadoras culturais e constitúen para o alumnado (en especial para o de idades temperás) o
primeiro contacto con profesionais do eido educativo musical, que lle transmiten coñecementos e valores
culturais, fomentan a práctica da música como afección ou maior dedicación e supoñen un elemento
dinamizador na contorna social na que se sitúan. O goberno provincial incrementa o crédito das axudas co obxectivo de promover o labor das escolas de música na difusión e na valorización do patrimonio cultural inmaterial na sociedade, nos que a infancia e a xuventude ocuparán un lugar relevante.