Fernández Tapias esta mañá en Rodman.

A dirección da compañía mostrou o seu interese nas distintas accións formativas que desenvolve o Goberno galego e reiterou a necesidade de man de obra cualificada

A delegada territorial da Xunta en Vigo, Marta Fernández-Tapias, visitou hoxe as instalacións de Rodman Polyships no polígono industrial da Borna en Meira (Moaña) e puido coñecer o traballo que a diario desenvolven as 160 persoas que directa o indirectamente están relacionadas coa construción de embarcacións no estaleiro.

Xunto co CEO e vicepresidente do Grupo Rodman, Óscar Rodríguez, e membros do equipo directivo, fixo un percorrido polas naves que dan cobertura a toda a cadea de produción, e que converten á compañía de orixe vigués nun dos grupos de construción naval máis consolidados a nivel europeo. Neste contexto, Fernández-Tapias amosou a súa preocupación polos efectos derivados da crise das materias primas, do encarecemento da luz, o gas e os combustibles, da guerra en Ucraína e a folga do transporte na industria de Vigo e a súa área de influencia.

Segundo indicou, “o actual escenario obriga ao Goberno a tomar nota e non perder un solo minuto, tras as inxustificadas demoras na convocatoria dos Pertes do naval e da automoción”.

Así, tras incidir en que “chegou o momento de que o Executivo de Sánchez demostre que vai mudar de actitude”, abundou en que co naval non pode pasar o que aconteceu coa automoción, onde o Goberno nin escoitou ao tecido empresarial nin ás Comunidades autónomas, “perdendo un tempo valiosísimo na definición da convocatoria”.

Fernández-Tapias situou ao naval vigués como panca da recuperación económica da comarca e neste sentido, anotou, que “Galicia ten moito que dicir no reparto dos Next Generation”. Exixiu así que se teña en conta o seu peso específico e demandou coñecer os criterios para a selección dos proxectos que acceden aos fondos europeos.

A este respecto, apuntou que Galicia segue a día de hoxe sen coñecer os criterios para a selección dos proxectos, “paso previo necesario para avanzar na elaboración da nosa candidatura público-privada e impulsar proxectos que permitan aos nosos estaleiros ser máis competitivos”. “O único que pedimos é un trato xusto, que se deixe competir en igualdade de condicións polos fondos europeos, evitando as malas prácticas recentes”, dixo, en clara referencia ao apoio do Goberno ao desenvolvemento dunha fábrica de baterías para Cataluña antes incluso de convocar o Perte correspondente a este sector.

Outra das cuestións que abordaron durante o encontro foron as accións formativas que ten en marcha o Executivo autonómico, sobre as que se interesou o construtor naval, que incidiu na necesidade de máis man de obra cualificada, especialmente no seu sector.

Segundo apuntou Óscar Rodríguez, notan unha importante carencia de profesionais laminadores e empastadores, que no caso de Rodman representan preto do 70% do seu persoal produtivo.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *