As 400 entradas para disfrutar da escenificación sentados o domingo 10 de outubro están xa ao dispor dos veciños que queiran coñecer esta parte da historia de Cangas
Cangas tamén este 2021 ao século XVII para celebrar o seu xa tradicional A Defensa da Vila. Será do 9 ao 12 de outubro, aínda que o acto central, a escenificación da obra de María Soliña, terá lugar o domingo 10 de outubro ás 20:00 horas na explanada das naves de Ojea. O Concello puxo ao dispor dos veciños 400 entradas, as mesmas que cadeiras se colocarán no lugar, que poden recoller de forma presencial desde hoxe mesmo na Casa da Xuventude. Como máximo cada persoa poderá facerse con catro delas.
Por mor da pandemia e para garantir as medidas anticovid, a obra só se representará sobre o escenario e non polas rúas do municipio como era tradicional. Para iso, tal e como xa se fixo o ano pasado, a obra adaptouse e as «cinco ou seis localizacións» poderán verse en Ojea. O centenar de persoas, tanto particulares como colectivos de Cangas, que participan na interpretación continuarán facéndoo para dar vida á obra do falecido Xosé Manuel Pazos. Unha oportunidade para «coñecer a historia de Cangas a través dunha recreación dramática teatralizada», describiu na presentación o actor moañés Salvador do Río.
Pola súa banda, a concelleira de Cultura, Aurora Prieto, destacou a «importancia que ten esta obra para resaltar a presión á que estaban sometidas as mulleres» representadas na figura de María Soliña. «Somos todas as que loitamos para facer a sociedade igualitaria que merecemos», apostilou.
Xornadas gastronómicas e mercado de época
Desde o sábado 9 e ata o martes 12 a partir das 11:00 horas tamén estará aberto o mercado de época na alameda vella.
O programa tamén inclúe pasacalles o luns e martes ás 12:00 horas. O Grupo de Gaitas Lume de Karoso amenizará as rúas desde o mediodía as dúas xornadas. Ademais, esta programación coincide coa celebración das xornadas gastronómicas do século VII que organiza ARECA e na que participarán 13 establecementos de Cangas.