A CUT organizará este sábado unha concentración informativa, que terá lugar ás 11.00 diante da Casa Consistorial
A corporación municipal de Bueu aprobará no pleno do próximo mes de setembro unha declaración institucional para esixir a repatriación de Pablo Costas Villar, mariñeiro do lugar de A Portela, en Bueu, que leva once meses secuestrado en Iemen. Así se acordou este venres despois da Xunta de Voceiros/as que se convocou por parte de Félix Juncal, alcalde de Bueu, e á que asistiron Xosé Leal, voceiro do BNG, Julio Villanueva, voceiro de ACB, Elena Estévez, representante do PP, e José Manuel Vilas, do PSOE.
O buque Cobija, do que é capitán Pablo Costas, está actualmente sen víveres e o único que inxiren os trinta mariñeiros é a auga que obteñen no nas latrinas sen garantía de salubridade e que ferven varias veces antes de engadirlle azucre e té.
Costas e os seus compañeiros atópanse retidos no porto iemení de Al Mukallah dende o 20 de setembro de 2020 a raíz dunha denuncia de pesca ilegal por parte de Australia, e a familia denuncia unha enorme indefensión e vulneración dos dereitos fundamentais por parte do goberno estatal. A tripulación e o navío quedaron retidos no estado árabe, en guerra civil dende hai cinco anos, por esta acusación de Australia, á que habería que engadir o abandono dos mariñeiros por parte do actual armador do barco.
Ante esta situación, o sindicato da Coordinadora Unitaria de Traballadores (CUT) en Cangas levan moitos meses tentando buscar axuda no Ministerio de Asuntos Exteriores, sen obter ningunha solución. Así o explicou Manuel Caamaño, asesor da CUT en Cangas, durante a Xunta de Voceiros/as, na que avanzou que este sábado, 21 de agosto, se organizará unha concentración informativa diante da Casa Consistorial de Bueu ás 11.00 horas. Pola súa banda, Víctor Costas, irmán do mariñeiro secuestrado, declarou que “a situación é terrible, as temperaturas altísimas, sen alimentos e coa presenza de roedores no barco”.
O alcalde e o resto dos voceiros mostraron o seu apoio e xa adiantaron que na sesión plenaria de setembro se aprobará unha declaración institucional que será apoiada por todos os grupos e na que se esixirá ao Ministerio de Exteriores que achegue unha solución urxente ao caso de Pablo Costas. Félix Juncal apunta que “trátase dun tema de humanidade, xa que Pablo está abandonado e esquecido e merece a preocupación e o respaldo do goberno español”.