As obras de axardinamento da contorna da Igrexa de San Martiño de Bueu recibiron este luns pola tarde a visita de Félix Juncal, alcalde de Bueu, e de Carmela Silva, presidenta da Deputación, na que tamén estiveron presentes concelleiros e concelleiras da corporación municipal e o deputado provincial Santos Héctor.
Félix Juncal mostrou a súa satisfacción “xa que a actuación conta cun amplo recoñecemento da veciñanza, e cumpre cos obxectivos que perseguiamos: rehabilitar este lugar da memoria e convertelo nun gran parque público”. Juncal lembrou que o proxecto naceu hai aproximadamente unha década cunha primeira versión elaborada polo daquela arquitecto municipal, e que se foi enriquecendo coas achegas e cos criterios marcados pola Dirección Xeral de Patrimonio. Con el pretendíase recuperar un espazo para a veciñanza e convertelo nun gran parque ou alameda pública, cun predominio do axardinamento do mesmo. Así mesmo, o outro obxectivo era a rehabilitación e restauración patrimonial do que eran os vestixios do antigo cemiterio próximo á igrexa.
Carmela Silva apuntou que “o proxecto ten un enorme valor, por estar ao lado da igrexa e porque garda a memoria dos veciños e veciñas de Bueu, polo que creo que é unha boa idea reconvertelo en espazo público para goce da xente”. Silva destacou os miradoiros “nos que nos podemos sentar a ver a paisaxe do mar e tamén da horta para estar preto da terra”.
As obras, acometidas pola empresa Construcciones Castro Figueiro SLU cun orzamento de 116.909,29 €, IVE engadido, contaron co financiamento da Deputación Provincial de Pontevedra a través do Plan Concellos 2021. Dende hai anos, o espazo exterior da igrexa, onde se situaba o antigo cemiterio municipal, atopábase sen ningún aproveitamento e nun estado de abandono, de aí que o goberno local decidise apostar por un proxecto que o pon en valor a través dunha solución integral e transformadora.
Así, a empresa construíu un muro de contención superposto ao actual na zona próxima ao vial do Valado e unhas escaleiras que conectan con esa zona e que permitirán dispoñer de dúas áreas de miradoiro a distintos niveis, e coas que, en palabras de Juncal, “se mellorará a accesibilidade en toda a contorna da propia igrexa de Bueu”. Tamén se mantén o panteón existente e as árbores actuais, e creouse un miradoiro ao norte aproveitando a zona do muro perimetral parcialmente derruído. Precisamente, o rexedor destaca da actuación toda a parte de cantería, que se fixo a partir da reutilización da pedra que se obtivo da desmontaxe dunha parte dos nichos que seguía habendo e da que se foi obtendo cos movementos de terra.
Con este proxecto ofreceuse unha solución ao desnivel entre a parcela e o atrio da igrexa cun muro banco, e tamén se actuou na parcela a través de elementos de tratamento superficial como axardinamento, trazado de sendeiros perimetrais con acabado en xabre consolidado e o sendeiro central e a zona do miradoiro pavimentados en pedra, con pendentes variables que se adaptan á topografía actual do terreo. Por último, colocáronse tres bancos na zona do miradoiro e outros tres no sendeiro interior da zona axardinada.
O Concello suma con esta actuación máis espazos verdes, que ofrecen alternativas de lecer á cidadanía, con lugares que permitan a compatibilidade de varios usos e cos que seguir «custodiando a memoria”.