A nova edil entra para cubrir a triste falta que deixa Benito González Dopazo, falecido recentemente
O Pleno da Corporación celebrado onte ás 20.00 horas no Salón de Plenos do Concello levou como primeiro punto da orde do día a toma de posesión da acta como concelleira de Lucila Cano Santiago. A edil socialista entra na Corporación para cubrir a triste falta de Benito González Dopazo, falecido recentemente no incendio da antiga nave de Pontesa.
O inicio da sesión foi, polo tanto, tremendamente emotivo para toda a familia política marinense. A rexedora, María Ramallo, quixo arroupar e dar unha “calorosa benvida” á nova concelleira, “a pesar do duro destas circunstancias”. Ramallo afirmou que o que a todos lles une nese Salón de Pleno é “formar parte desta Corporación e tratar de esforzarnos por aportar día a día ao noso municipio”.
O portavoz socialista, Manuel Pazos, interviu ao remate da toma de posesión da nova concelleira para agradecer “o comportamento que todos tivemos nestas últimas semanas, na que nos sentimos moi arroupados por parte de todos” e reiterou que esta Corporación “é un exemplo para moitas Corporacións polo trato afectouso e persoal que hai entre todos”. Nesa mesma liña se pronunciou a portavoz do BNG, Lucía Santos, que reiterou que a política marinense se caracteriza “pola humanidade e o respecto” e tamén lle trasladou todo o cariño ao grupo socialista.
A alcaldesa pechou este punto do Pleno facendo fincapé en que precisamente nestes momentos tan duros “é cando sae o mellor de nós” e recordando a Benito “coa alegría que a el lle caracterizaba”, aínda que si recoñeceu que “a nivel emocional, esta lexislatura está a ser moi dura”.