Condena a malleira sufrida por un técnico de emerxencias no PAC de Cangas e critica a actuación da Garda Civil por non ter practicado detencións
A CIG anunciou hoxe que realizará as xestións oportunas para reclamar que todas as agresións que padece o persoal sanitario que presta un servizo público sexan consideradas atentado contra a autoridade, independentemente do tipo de contrato que teñan as persoas traballadoras afectadas. Dende a central sindical lamentan que este tipo de incidentes se resolvan normalmente con multas ou sancións leves, ao tempo que critican a actuación da Garda Civil por non ter realizado detencións tras a malleira sufrida por un técnico de emerxencias no PAC de Cangas a madrugada do pasado día 1.
A FGAMT-CIG amosa a súa máis enérxica condena ao acontecido arredor das 6:30 horas da noite de Todos os Santos, cando un paciente do PAC de Cangas e dous acompañantes agrediron de forma salvaxe a un técnico de emerxencias tras protagonizar previamente un incidente violento no interior do centro de saúde, até o punto de que dúas traballadoras tiveron que pecharse nunha consulta médica para evitar seren agredidas. Mais cando o técnico de emerxencias accedeu ao interior do centro médico tras realizar un servizo atopouse de fronte con este suxeito, que se abalanzou sobre el, producíndose un forcexo. Foi neste momento cando o sanitario recibiu a agresión polas costas dun home e dunha muller que acompañaban o paciente, rematando do chan e recibindo patadas e puñazos por todo o corpo.
A agresión rematou coa chegada da Garda Civil, que fora requirida con anterioridade polas traballadoras que se pecharan no interior da consulta ante as ameazas e a actitude violenta do doente. Mais a pesar de que o afectado expresou a súa intención de presentar denuncia, os axentes limitáronse a identificar as persoas causantes da agresión. Por iso dende a CIG pregúntanse se os gardas civís terían actuado do mesmo xeito no caso de que a persoa agredida fose un integrante dos corpos e forzas de seguridade. “Isto lanza unha perigosa mensaxe: unha persoa que se atopa de festa pode entrar nun centro médico, agredir brutalmente a un sanitario e continuar coa súa noite de troula”, censuran. E consideran que isto é así porque este tipo de incidentes resólvense habitualmente con multas ou sancións leves, xa que as agresións ao persoal sanitario que non ten contrato coa Administración (e que polo tanto non son funcionarios/as) non se consideran de oficio atentados contra a autoridade. “Por iso imos reclamar que todas as agresión sexan consideradas deste xeito, independentemente do contrato que se teña, como xa aconteceu nalgunha ocasión”. Entenden que se trata dun primeiro paso fundamental para rematar con este tipo de situacións, “porque no pode saír gratis agredir ao persoal sanitario”.
Ao mesmo tempo, denuncian que a central operativa de servizos da Garda Civil nega o envío de patrullas cando se avisa a unha ambulancia para intervir en situacións nas que se sabe con antelación a presenza de persoas en actitude agresiva ou violenta. “O que fan é dicir que primeiro vaia a ambulancia para confirmar este extremo; por iso se a este desamparo que padece o persoal lle sumamos o feito de que cando son agredidos o único que se fai é identificar as persoas agresoras a falta de protección é total”.