A nova empresa concesionaria cumprirá as xornadas de traballo contratadas e a bolsa de horas
A representación da CIG no Servizo de Axuda no Fogar (SAF) do Concello de Moaña logrou pactar coa nova empresa adxudicataria unha serie de melloras laborais, como o cumprimento das xornadas de traballo contratadas ou da bolsa de horas.
Segundo explican dende a representación da CIG no SAF moañés (3 delegadas/os de 5), o servizo era xestionado pola empresa Preto de ti, pero o pasado 1 de maio fíxose cargo a nova adxudicataria, Protección Geriátrica 2005 (Asistenza), que subrogou as 59 traballadoras/es que integraban o cadro de persoal (na actualidade son 54).
Mais a nova compañía optou por non respectar unha serie de acordos, como as xornadas contratadas pola anterior adxudicataria nin o pactado co comité en relación coa bolsa de horas, o que obrigou a central a presentar un conflito colectivo por modificación substancial das condicións de traballo, segundo denuncia a presidenta do comité, Julia Rodríguez Sánchez.
Ademais de iniciar unha serie de accións sindicais e de reclamacións diante do Concello que obrigaron a dirección da empresa a sentarse a negociar. Deste xeito no mes de outubro as partes chegan a un principio de acordo (que foi ratificado en asemblea polo persoal) no que ten que ver con cumprimento das xornadas contratadas, facéndose efectivo en novembro.
Logo páctanse melloras na bolsa de horas que superan o establecido por convenio, tendo a empresa que facer fronte ao exceso e defecto de horas con carácter retroactivo dende a subrogación (1 de maio), cantidades que o persoal ingresou xunto coa nómina de novembro. E tamén se acorda que os tempos de desprazamento aos domicilios constarán na planificación mensual e serán considerados tempo efectivo de traballo, ademais de abonarse os quilometraxes mes a mes.
Outra mellora ten que ver co goce das vacacións, polo que a partir de agora o persoal poderá escoller o período que máis lle conveña, incluíndo o Nadal. Ao mesmo tempo, poderase facer uso dos catro días de asuntos propios de xeito consecutivo e en calquera época do ano.
Sector precarizado
Pedro Pérez, da CIG-Servizos, valora positivamente o acordo coa empresa xa que mellora as condicións de traballo dun sector tan precarizado como o da axuda no fogar, “e no que a maioría das persoas traballadoras son mulleres”. Salienta ademais o feito de que o pactado vaia favorecer o conciliación da vida laboral e familiar, así como a incrementar a estabilidade económica e contractual das traballadoras/es.
Con todo, o responsábel sindical anuncia que a central continuará vixilante para garantir o cumprimento do acordo, “xa que no caso contrario tomaremos as medidas oportunas”.