A porta de entrada a Marín dende Pontevedra xa loce al 100%. A Avenida de Ourense é máis accesible, sostible e cunha mobilidade compartida para peóns, para bicicletas, para os máis pequenos, para os maiores… Para toda a veciñanza. Así quedou patente esta mañá nun acto ao que asistiu a conselleira de Infraestruturas e Movilidad, Ethel Vázquez, quen describiu a súa reforma como un exemplo de bo uso dos fondos europeos e reclamou un reparto xusto dos recursos comunitarios do programa Next Generation para continuar avanzando.
Ethel Vázquez participou, xunto coa alcaldesa de Marín, María Ramallo, na inauguración da actuación de mellora da mobilidade na avenida de Ourense, que levou a cabo o Concello no marco da Estratexia de Desenvolvemento Urbano Sostible Marín 2020.
No acto, a alcaldesa, María Ramallo, invitou aos marinenses a gozar deste paseo, no que se investiron 1,1 millóns de euros, cofinanciados nun 80% polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) da Unión Europea. Pero non só isto, a rexedora tamén adiantou que o obxectivo do Goberno local é agora traballar pola renovación da beira oposta, rehumanizando a beirarrúa, ancheándoa e gañando espazo. O proxecto xa está realizado, aínda que é preciso agardar ao pronunciamento de Carreteras del Estado.
Ethel Vázquez participou tamén para lembrar que baixo a humanización está todo o esforzo de mellora do saneamento, grazas á obra de colocación do novo colector, na que a Xunta de Galicia investiu case 3 millóns de euros.
Unha obra así non podía inaugurarse, ademais, sen as persoas que máis gozarán da súa renovación. Por iso acompañaron ao Goberno local representantes das asociacións veciñais da zona e unha comitiva da escola de ciclismo XSM de Irene Trabazo.
Mellor reparto dos Nest Generation
A titular de Infraestruturas lembrou que as condicións establecidas polo Goberno de España para a repartición destes fondos de mobilidade fan imposible que se poidan acometer actuacións en concellos de menos de 50.000 habitantes, a pesar de que a propia Unión Europea pide investimentos no rural e nos municipios máis pequenos. Isto, na práctica, supón que o 98% dos municipios galegos quedan fóra da repartición e destes investimentos, como é o caso de Marín.
Lembrou que, co obxectivo de que o Goberno de España cambie os criterios e conseguir un maior equilibrio na repartición de essos fondos, a Xunta e máis de 100 concellos galegos, entre eles Marín, impulsan unha declaración institucional baixo o lema ‘Por un rural forte e conectado’.
Puxo como exemplo a reforma integral da avenida de Ourense levada a cabo polo Concello de Marín con fondos europeos FEDER, que supuxo a ampliación de beirarrúas, a construción dun carril bici para lograr unha convivencia máis segura e harmónica entre vehículos, peóns e ciclistas, ou a renovación da iluminación con tecnoloxía led, máis eficiente e sostible.
Sendas peonís e ciclistas
Referiuse, ademais, aos itinerarios peonís e ciclistas nas estradas autonómicas que vén impulsando a Xunta nos últimos anos no marco do Plan de senllas de Galicia co obxectivo de dotar aos veciños dos distintos concellos de infraestruturas para os seus desprazamentos cotiáns máis cómodas, seguras e sostibles.
Detallou que no Concello de Marín o Goberno galego executou a senda que une Vilaseca e Lapamán, tamén o itinerario entre Coirados e Pardavila e que neste segundo semestre do ano licitaranse as obras da senda que lle dá continuidade, entre Pardavila e Cadro, que permitirá poñer á disposición dos veciños un itinerario continuo de 3 quilómetros pola estrada autonómica PO-313. Ademais, está en execución a senda na PO-551 entre Bagüín e Seixo, que estará finalizada a comezos de ano.