A concelleira e a directiva da AECC no local do mercadillo solidario.

A Xunta Local de Marín da Asociación Española Contra o Cancro estará os próximos meses nos locais 1308 e 1312 do Patio Norte da Praza de Abastos cun Mercadiño Solidario para recadar fondos para o colectivo social.

A concelleira Cristina Acuña achegouse ata a Praza para coñecer os produtos que se porán á venda e para animar á veciñanza a aportar o seu grao de area nesta causa. O mercadiño estará aberto os martes, xoves e sábados, de 10.00 a 13.00 horas e haberá tanto produtos de segunda man como novos, que foron en moitos casos donados por comerciantes de Marín.

Desde a AECC de Marín piden á cidadanía colaboración nesta iniciativa solidaria. Non esquezamos que o cancro segue a ser unha lacra sanitaria que recolle cifras espeluznantes. O número de novos casos de cancro diagnosticados en España o pasado ano, segundo a SEOM (Sociedade Española de Oncoloxía Médica), ascendeu a máis de 277.000.

As xuntas locais da AECC ofrecen servizos esenciais tanto para os pacientes como para os coidadores dos mesmos, apoiando psicoloxicamente e a nivel informativo a todos aqueles que pasan por un proceso oncolóxico.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *