Ao redor de 300 alumnos dos sete colexios de Moaña viviron unha xornada de convivencia na natureza coa plantación de árbores autóctonas nos montes de Moaña dentro do programa Aprende Moaña. Despois dun ano sen poder realizar a actividade do día da árbore por mor da pandemia, retomouse a celebración deste día co alumnado de segundo de primaria e tamén co alumnado de terceiro debido a que o ano pasado non se puido celebrar o Día da Árbore.
Trátase dunha actividade na que as tres comunidades de montes de Moaña, a de Domaio, Meira e Moaña, colaboran na súa realización posibilitando un encontro das crianzas coa natureza e a súa contorna. Este ano a comunidade de montes anfitrioa foi a comunidade de montes de Moaña e o lugar elixido para levala a cabo foi a contorna do miradoiro da Fraga, onde rapaces e rapazas de Moaña se xuntaron para plantar árbores autóctonas e gozar dunha xornada no monte e das actividades organizadas.
Os nenos e nenas foron recibidos pola concelleira de Ensino, Dolores Chapela, que lle deu a benvida ao alumnado e polo presidente da Comunidade de Montes de Moaña, David Faria, que fixo unha breve explicación das especies de árbores a plantar e como se ía repartir o traballo. Tamén asistiu en representación do Concello o concelleiro Aldán Santamarina e, por outra banda, representantes das tres comunidades de montes e da brigada de axentes forestais do Distrito. Acto seguido as nenas e nenos realizaron a plantación das árbores coa colaboración dos membros das brigadas das tres comunidades de montes e dos axentes forestais que lles fixeron unha explicación da labor que estaban a realizar e da importancia de coidar o monte.
Ao longo dunha hectárea de terreo ao pé do miradoiro da Fraga plantáronse ao redor de 700 especies autóctonas frondosas como sobreiras, carballos, freixos, faias, bidueiros, loureiros, castiñeiros, cerdeiras, acevos, nogueiras e érbedos.
Despois de recuperar forzas coa merenda a rapazada gozou dunha animada actuación musical con Cé Orquestra Pantasma e tamén se contou coa presenza de axentes forestais do distrito que mostraron os seus equipos e fixeron unha demostración coa motobomba.