A protección e a posta en valor dos nosos elementos patrimoniais é fundamental para coñecer a nosa historia como vila. Dous deses elementos, a fonte e o lavadoiro de Mogor, serán obxecto dunha actuación que persegue precisamente eses obxectivos. Están ubicados na intersección do vello camiño que une o núcleo desta parroquia coa carretera C-551, onde conflúe tamén o vial de acceso aos centros de ensinanza ubicados en Chan do Monte.
Trátase de elementos etnográficos catalogados, que a día de hoxe seguen sendo moi utilizados pola veciñanza da zona e doutros lugares, tanto para recoller auga da fonte como incluso para utilizar o lavadoiro para lavar. A día de hoxe, tanto o propio lavadoiro como a contorna están en condicións de mellora, para poder poñer aínda máis en valor este espazo e os seus elementos, referentes da parroquia de Mogor. Por iso, o Concello encargou un proxecto de restauración do lavadoiro e da fonte e de acondicionamento do entorno. Na memoria do mesmo, proponse desmontar a estrutura da cuberta actual do lavadoiro, así como o seu pilón, para poder cimentar de novo de xeito unitario. Sobre ese espazo único, volvería colocarse o lavadoiro, e renovaríase toda a cuberta. “En todo momento, restauraranse os elementos catalogados, pero facendo a mínima intervención posible e utilizando técnicas e materiais tradicionais que non afecten á estética”, explican fontes do Goberno local.
No que respecta ao terreo anexo, recuperarase o camiño peonil para que poida servir de fondo ao lavadoiro e á fonte. Tamén se instalará unha iluminación adaptada e que poida poñer en valor os elementos, destacándoos e dándolles visibilidade e colocarase mobiliario urbano acorde co lugar. En total, a superficie sobre a que se intervirá é de máis de 500 metros cadrados e a inversión prevista é de 115.215,8 euros.