O Concello de Cangas acaba de solicitar unha subvención á Consellería de Medio Ambiente por un importe de 24.200 euros para fabricar unha nova pontella sobre o río de Arriba, en Nerga, cun deterioro tan acusado que é intransitable e interrompe a operatividade da Senda Costeira Cangas-Donón. Coa reposición da pasarela o Concello busca protexer as dunas, incluídas no espazo protexido Zona de Especial Conservación Costa da Vela, e fomentar o sendeiro azul coa creación das pasarelas elevadas.
Debido á mobilidade da area, as dunas e as plantas que conforman o hábitat dunar son fráxiles e moi sensibles ao pisoteo polo que o Concello de Cangas quere correxir as deficiencias con celeridade para axudar á recuperación do hábitat natural do entorno.
Os traballos, que precisan do informe favorable da Consellería de Medio Ambiente, do Servizo Provincial de Costas e de Augas de Galicia, consistirán na retirada dos restos da pasarela que vadea o regato e a instalación doutra de similares
características; o rozado da vexetación na zona de traballo atendendo ás directrices sobre mantemento e limpeza nos tramos fluviais e a colocación dunha nova pontella en madeira tratada
Este espazo é un dos enclaves esenciais do patrimonio natural de Cangas, incluído no Plan Director da Rede Natura 2000 de Galicia, do que fai uso habitual a propia veciñanza e persoas interesadas en coñecer as áreas arqueolóxicas, miradores e as catro praias da contorna, na que tamén se encontran varias rutas de sendeirismo, pistas forestais e viais secundarios.