Andaina de Montes e Praias 2022.

Aínda que xa desde o 1 de marzo, cando se cubriron as inscricións, todo apuntaba a que a VII Andaina Montes e Praias de Marín ía ser un éxito, a xornada de onte incluso superou as expectativas. A concelleira de Turismo, Cristina Acuña, fixo esta mañá un moi bo balance da andaina. “Notouse que había ganas por parte da veciñanza de que se volvese organizar despois do parón da pandemia”, explica a edil, que destacou que o máis importante é ter conseguido unha recadación solidaria para a AECC de Marín, cifrada en 3.000 euros.

“A Asociación contra o cancro na nosa vila fai un labor esencial que precisa do noso apoio. Todo o acompañamento psicolóxico que xa facían antes da covid, incluso se viu incrementada durante a pandemia, e é importante que visibilicemos todos os servizos que ofrecen para que as familias que pasen por unha situación así saiban que non están soas”, explica Acuña.

En total, participaron 600 persoas e unha boa cantidade de persoal voluntario, que permitiu que a organización e o transcurso da andaina funcionase do mellor xeito.

A concelleira, que agradeceu ao Club Xesteiras a súa implicación, asegurou tamén que “tanto co percorrido de 15 km coma co de 25 km puidemos descubrir sitios de Marín que probablemente moita xente non coñecía”.

Acuña asegura que o sendeirismo e o turismo activo de natureza son “propostas moi boas para coñecer mellor o noso lugar de orixe ou para coñecer novos destinos” e lembrou que Marín conta co seu propio programa de sendeirismo, Marín a Pé, con cinco roteiros que están perfectamente sinalizados.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *