Este venres, cumprironse 1000 días de goberno do bipartito(BNG-ACB) en Bueu desde a toma de posesión da nova Corporación Municipal. Neste tempo a cidadanía o que percibe é que, “ por unha parte temos un vicealcalde, Xulio Villanueva, que lonxe de facer valer o seu voto de apoio ao Bng, se limita día tras día a comulgar con rodas de muíño e mesmo envainala como él mesmo
recoñece con tal de manter o seu título de Vicealcalde, esquecendo as súas promesas electorais e decepcionando aos seus propios votantes e pola outra banda temos un alcalde e equipo de goberno do BNG que non ten ningún reparo en mentirlle a veciñanza de forma descarada e sen ruborizarse”.
Con estas palabras iniciou a voceira do Partido Popular, a súa valoración respecto da xestión do goberno local, incidindo na “claudicación máis absoluta de Xulio Villanueva, que vive nun trágala continuo e que se dedica a apoiar a privatización da maioría dos servizos municipais que tanto criticaba (xestión tributaria, servicio a domicilio, delegado de protección de datos, mantemento de xardíns, traballos de enterrador que se contrataron cunha empresa privada ás caladiñas sen dar conta da adxudicación do servizo nin en comisión informativa, pleno ou xunta de goberno).
Así, indicou que durante este periodo se produciu unha clara involución na prestación de servizos á veciñanza e na atención ás súas demandas. “Nestes anos consolidouse unha tendencia que xa viña dos mandatos anteriores: a desatención absoluta cara ás demandas das parroquias”, afirmou, sinalando que “as parroquias de Cela e Beluso levan anos esperando por diferentes investimentos básicos para mellorar a calidade de vida, e basta con falar cos veciños para coñecer todos os problemas”.
“Tamén outros lugares como A Rosa, A Portela ou Meiro seguen agardando por obras do concello que non chegan, sen que exista unha xustificación máis alá do pasotismo absoluto que se instalou no goberno”, amentou, ademais de incidir en que “tampouco o centro de Bueu está ben atendido, como demostra o feito de que en todo este tempo prácticamente non se avanzase co proceso de actuación na Banda do Río, aínda que veciños, colectivos e oposición insistamos constantemente na necesidade de impulsar o procedemento”. Seguen esperando, din dende o PP, a aprobación das bases para iniciar o concurso de ideas na Banda do Río pero parece que a estratexia do bipartito é deixar pasar os meses, “ facer que fago para non facer nada” cumpríndose así o que manifestou o voceiro do Bng, Xosé Leal, que a creación dunha comisión de seguimento só serve para marear a perdiz”.
Estévez fixo referencia tamén á perda de convenios e subvencións que “Bueu leva sufrindo varios anos”, así como ás multas que “se nos impuxeron pola deixadez de Juncal e os seus”. “Tal e como levamos tempo denunciando desde o PP, o goberno renunciou a convenios coa Secretaría Xeral para o Deporte da Xunta de Galicia, devolveu o 75% dos fondos transferidos pola Deputación para a prestación de servizos básicos no Estado de Alarma –preferindo deixar a familias que o precisaban sen ter a posibilidade de conseguir unha axuda, en vez de xestionar para que tivesen todo o apoio necesario como debe facer unha Administración Pública–, deixou sen gastar unha gran parte dos fondos que dá a Secretaría Xeral de Igualdade da Xunta para a prestación de atención psicolóxica”, enumerou, incidindo en que “poderiamos seguir aludindo a todas esas axudas que poderían servir para revitalizar o noso concello e ás que Bueu nin sequera presentou un proxecto, porque é máis fácil culpar ao resto de Administracións de que non invisten en Bueu en vez de petar nas súas portas con propostas e proxectos, que é o que levamos demandando desde que comezou o mandato”.
En consecuencia, Estévez instou o goberno a “traballar activamente e deixar de botarlle a culpa de todo á COVID, a Xunta, a oposición, a Montoro, ós técnicos municipais… etc. A culpa coma sempre dos demais, nunca do goberno, incapaz de asumir a crítica e recoñecer tamén que se equivocan . “É preciso que o bipartito se aplique e faga os deberes.
¿Qué vai facer o goberno coa casa de Matilde Bares?
¿Qué vai facer o goberno coa iniciativa dos comneiros de Beluso para a área de autocaravanas na explanada de Udra, en zona de Rede Natura, seguirá coa tramitación do expediente?, pregúntanse dende o PP. Tamén cando se vai resolver o expediente de investigación de oficio do camiño veciñal de Coumiñan, cando levamos mais dun ano esperando e incumprindo o prometido polo goberno no pleno de decembro no que se comprometeron a levalo a pleno en xaneiro ou febreiro e seguen sen cumprir.