O ente supramunicipal centra os esforzos na hostalaría posto que son os principais xeradores de biorresiduos
A Mancomunidade de Concellos do Morrazo avanza un paso máis no tratamento de residuos e na adaptación ás normativas estatais e europeas para reducir o impacto medioambiental. De aí que se impulse a implantación da recollida selectiva de biorresiduos nos produtores singulares, unha iniciativa que comeza estes días coa campaña informativa entre a hostalaría do Morrazo, co obxectivo de presentar a recollida “Porta a Porta”, que permitirá mellorar a xestión dos residuos e incrementar as taxas de reciclaxe para aproximarse aos obxectivos das diferentes normativas.
A Mancomunidade centra os seus esforzos na recollida á hostalaría, posto que son os principais xeradores de biorresiduos e “de aí importante papel que xoga a súa
colaboración á hora de separar correctamente estes residuos”, apúntase na carta que se dirixirá dende o ente supramunicipal a todo o tecido hostaleiro.
Despois da remisión destas cartas informativas, convocarase unha reunión con toda a hostalaría e comercio para comunicar a posta en marcha do servizo, e entregaranse manuais e folletos informativos sobre a correcta separación de residuos e a importancia da compostaxe, así como pousavasos, manteis individuais nos establecementos adheridos para visibilizar e dar a coñecer a súa participación na recollida selectiva como locais sensibles e respectuosos co medio ambiente. Así mesmo, nas redes sociais dos concellos e na web da Mancomunidade realizarase e un recoñecemento público a cada un dos establecementos implicados.
As normativas europea e estatal esixen acadar o 55% na reutilización e na reciclaxe dos residuos domésticos en 2025. Ademais, a nova lei de residuos de Galicia esixe instaurar antes do 31 de decembro de 2023 a recollida separada dos biorresiduos. Para chegar a estes obxectivos, tanto as administracións públicas como o tecido empresarial e a propia cidadanía, deben asumir as súas respectivas responsabilidades e ser parte activa na recollida e na xestión do lixo.
A campaña busca, pois, potenciar a prevención, recollida separada e valorización de biorresiduos de competencia municipal de maneira local, reducir a produción de
residuos nos concellos da Mancomunidade, implicar aos grandes produtores nas actuacións de xestión de residuos e facer partícipe á cidadanía con campañas informativas, e poñer en valor as instalacións do Complexo Medioambiental da Mancomunidade, dándolle un dos usos para os que inicialmente foi deseñado, o tratamento da FORM mediante compostaxe. Así mesmo, preténdese integrar a nova recollida xunto ó resto de circuítos xa establecidos, e influír positivamente na creación ou afianzamento de postos de traballo e/ou actividade económica verde ligada á transformación da material orgánica e ao uso do compost.
Os locais que se adhiran a esta campaña recibirán unha visita do persoal técnico da Mancomunidade, onde se lles informará sobre a dinámica da separación en orixe e a nova sistemática do colector marrón. Ademais farase entrega dun colector para poder realizar a separación dos biorresiduos cunha maior comodidade no seu propio local.
Unha vez que os produtores estean ben informados, comezarase co sistema “Porta a Porta”, para o que se estipula unha frecuencia de recollida a concretar segundo as necesidades. En canto ás características técnicas, os contedores que se entregarán terán unhas capacidades de 120, 240 e 360 litros, dependendo a produción de materia orgánica de cada establecemento, e contarán cun pedal para facilitar a apertura sen manipulación da tapa e con pechadura automática por gravidade.
Esta iniciativa levarase a cabo no marco das axudas a entidades locais de Galicia para o financiamento de actuacións en materia de residuos de competencia municipal, cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional con cargo ao programa operativo Feder Galicia 2014-2020.