A alcaldesa, Victoria Portas, busca alternativas para reparar o deterioro destes elementos utilizados por toda a poboación
O goberno local de Cangas está a elaborar un inventario do estado das marquesinas previo ao inicio dun operativo de mantemento destes espazos públicos utilizados tanto pola poboación infantil para esperar o transporte escolar como polos adultos para facer uso das liñas regulares de transporte público.
A alcaldesa de Cangas, Victoria Portas, constatou que son moitas as marquesinas que presentan un avanzado estado de deterioro e que requiren ou ben a sustitución dalgún dos seus elementos ou ben una actuación de mantemento en xeral xa que na actualidade non prestan o servizo para o que foron deseñadas con plenas garantías de calidade.
O inventario permitirá ao goberno local non so localizar as máis estropeadas senón tamén reorganizar a súa ubicación seguindo criterios estéticos, xa que a futuro a intención do goberno local é que as marquesinas de Cangas presenten unha imaxe corporativa similar por rúas ou áreas.