A alcaldesa, María Ramallo, explica que se encargaron dous proxectos para os que se solicitará unha subvención con cargo aos fondos europeos Next Generation
O deporte base en Marín é un motor social, cultural e de lecer imprescindible para a nosa vila, na que os clubs e o propio Concello programan importantes eventos e colaboran na organización doutros máis alá do ámbito municipal que fan vibrar os noso pavillóns cada fin de semana.
Por iso, o Goberno local, consciente da importancia que ten a práctica deportiva, ten no seu eixo de traballo unha liña para renovar e mellorar as instalacións deportivas municipais, como son o Pavillón da Cañota e do Sequelo, para acadar así uns espazos acordes á altura do noso deporte local.
A alcaldesa, María Ramallo, explica que se veñen de encargar dous proxectos para estes pavillóns, “co obxectivo de acadar financiación a través dunha liña de subvencións enmarcadas nos fondos Next Generation da Unión Europea”.
O Pavillón do Sequelo foi construído no ano 2000 e dispón de distintas opcións para a práctica deportiva: pista de parquet para fútbol sala, balonmán… e atende tanto a demanda do deporte base como a do colexio do Sequelo. Polo tanto, é unha infraestrutura moi utilizada por usuarios con moi diferentes tramos de idades.
No proxecto que plantexa o Concello, proponse illar exteriormente con SATE todas as zonas de bloque de formigón, coa finalidade de dar un acabado máis neutro ao edificio, usando pinturas lisas que axuden á súa harmonización coa paisaxe.
“O máis importante”, destaca a alcaldesa, “é que con este proxecto dotaremos ao pavillón dunha nova cuberta que conte con illamento térmico e impermeabilización, de tal xeito que se mellorará a eficiencia enerxética do pavillón e a sensación de confortabilidade”.
A maiores, e seguindo na liña do aforro enerxético, plantéxase a instalación de agua quente sanitaria con dúas bombas de calor aerotérmicas, que conten cunha instalación fotovoltaica que recargue ese ACS en horas de luz para o seu uso posterior. “Deste xeito, conseguiríamos que o pavillón se convertise nun edificio de custo case nulo”, detalla a rexedora.
Pavillón da Cañota
No que respecta á Cañota, falamos dunha instalación que data de 1987. Neste caso, proponse unha intervención que consiga uns acabados sinxelos, limpos, duradeiros, de fácil mantemento e que doten tanto á cuberta como á fachada e a todos os elementos visibles dunha harmonía visual, integrada na contorna.
Para iso, plantéxase a renovación da instalación de ACS, acadando un aforro enerxético do 70%, sobrepasando o 30% actual. Ademais, ao igual ca no Sequelo funcionará con tecnoloxía fotovoltaica, grazas a 16 paneis conectados ao cadro xeral.
Tamén se renovará a cuberta, cun novedoso sistema de suxección de paneis que eviten problemas de filtracións e impermeabilicen ao 100% a instalación e englóbanse melloras en pavimentos, rampas interiores, exteriores e portas.