Un operario recibiu esta mañá en Marín un forte golpe na cabeza cun guindastre.
Segundo a información recollida no 112 Galicia, o accidente produciuse ás 10:30 horas na Rúa Vista Alegre nas obras de reforma dunha vivenda.
Para a atención do ferido, os profesionais de Urxencias Sanitarias de Galicia-061 enviaron á zona un equipo a bordo do helicóptero medicalizado con base en Ourense. Así, tras recibir os primeiros coidados, o afectado foi evacuado na aeronave ao Complexo Hospitalario Universitario da Coruña (CHUAC) debido á consideración das lesións provocadas polo impacto.
Os voluntarios de Protección Civil da localidade serviron de apoio ao equipo sanitario nos labores de aterraxe do helicóptero. Tamén, o persoal do 112 Galicia avisou aos axentes da Policía Local e Nacional.