A voceira popular acusa o goberno local de tentar enganar á cidadanía ao afirmar que se escolle o sistema actual para “garantir o control da instalación”, cando a realidade é que o que se busca é maquillar as contas
“A xestión da piscina municipal por parte do goberno local é claramente ineficiente, e demostra a incapacidade de Juncal e Villanueva para sacar adiante os asuntos no prazo que eles mesmos se marcan”. Con estas palabras referíase a voceira local do Partido Popular, Elena Estévez, ao que, ao seu ver, é “un novo episodio da serie televisiva de ciencia ficción na que vive o goberno local en relación á piscina”. Para a popular carece de toda lóxica que, cando se inaugurou a piscina, o prazo gratuíto ía ser de 3 meses e “xa pasaron 14 meses e seguimos no mesmo punto, cun goberno que aínda espera terminar o proceso en outono, máis de 18 meses despois e cun custo total para as arcas municipais e para a veciñanza de Bueu”.
Mais, o feito que, segundo Estévez, “supera xa todos os límites da lóxica e do bo goberno” é “a nova cortina de fume que Félix Juncal pretende crear para que non se vexa a súa mala xestión neste asunto”. Dese xeito, remarcou “a dobre moral” do BNG, que “cando está na oposición pon as cores de antiprivatizadores e defensores do público montando ruído institucional, mais que cando goberna non deixa nada sen privatizar”. Así mesmo, Estévez cuestionou que Julio Villanueva, “quen enarborou a bandeira do público e que logo decidiu privatizar todos os servizos, incluído o Delegado de Protección de Datos e o de xardinería para beneficiar a empresas privadas amigas”, agora non se pronuncie en contra desta decisión e que “comungue con rodas de muíño día si e día tamén con tal de manterse no poder, aínda que iso implique defender o indefendible”.
“O pasado domingo coñeciamos vía prensa que o executivo quere fixar en 411.000 euros anuais o contrato da piscina, así como que queren manter certos servizos para garantir o seu control sobre a titularidade”, indicou Estévez, cuestionando “a maquillaxe económica que pretenden facer, á vista de que este contrato só cubre de feito o persoal, mais quedan fóra uns gastos moi relevantes que vai ter que asumir o Concello, como son luz, gas, auga, vixiancia e todo o mantemento das propias instalacións, a maiores do renting da maquinaria e o equipamento das salas fitness”.
“Calquera persoa cos pés na terra se dá de conta de que ao final a piscina ten un custo anual moito máis elevado do que venden, sobre todo tendo en conta que a empresa que xestione o persoal tamén vai sacar beneficios da concesión disfrazada de contrato”, remarcou. “É indecente que se pretenda contar mentira tras mentira a ver se a xente non se dá conta, como cando afirman que usan ese método para manter o control, pois a realidade é que de calquera forma o Concello segue tendo o control, o que ocorre é que non se quere dicir a cifra real de gasto que vai supoñer para a veciñanza a piscina para tentar seguir vendendo fume, no cal son uns auténticos virtuosos”, concluíu.