A Praza de Ponteporto luce totalmente renovada, despois da inversión de máis de 237.000 euros que realizou o Concello de Marín para pavimentar e impermeabilizar toda a superficie, unha actuación coa que se solucionaron os problemas de humidades que afectaban ao establecemento que hai baixo a praza.
Non puido haber mellor oportunidade para reinaugurar a praza co seu novo parque infantil que a festa de fin de curso da Gardería Dalila, ata á que se achegaron a alcaldesa, María Ramallo, e a concelleira Marián Sanmartín. Ramallo desexoulle aos pequenos unhas boas vacacións e ao equipo directivo do centro unha boa perspectiva de cara ao curso que vén, que por fin parece que será máis normal, despois dos anos de pandemia.
Os pequenos e pequenas da casa desfrutaron de distintos xogos que se instalaron na praza, así como da amenización musical do grupo folclórico Pousos da Area.
A superficie total sobre a que se actuou coa renovación é de 1.056 metros cadrados, aos que se suman 25 máis das escaleiras de acceso desde a Avenida de Ourense e da escaleira central que comunica os dous niveis da praza.
Aproveitando o proxecto de mellora, renovouse parte do mobiliario urbano, coa instalación de 7 novos bancos, e cambiáronse as luminarias da praza por bombiñas de tecnoloxía LED.