Esta mañá tivo lugar no Concello de Marín unha reunión solicitada polo propio Concello á Subdelegación do Goberno, de cara a coordinar as actuacións en materia de seguridade con motivo das Festas do Carme e na que participaron a alcaldesa, María Ramallo e a subdelegada do Goberno en Pontevedra, Maica Larriba.
Realizouse un repaso polos principais eventos, con especial fincapé na Gala Xacobeas e no propio día do Carme, que serán os momentos nos que se rexistre unha maior afluencia de asistencia de persoas, tanto durante á procesión coma na finalización da tirada de fogos de artificio.
A colaboración mostrada por parte das Forzas e Corpos de Seguridade é absoluta, en aras a coordinar un desenvolvemento das actividades que se prevén máis complexas a nivel loxístico e de seguridade.
Como en anos anteriores, queremos facer especial insistencia en que estará ubicado e perfectamente recoñecible un Punto Violeta de información e posible asistencia para dar tranquilidade e servizo a calquera persoa que se poida ver envolta ou afectada por algunha situación relacionada coa violencia de xénero. Estará a disposición durante todos estes días para dar esa tranquilidade e atención.
Ramallo quixo agradecer a asistencia e especial interese mostrado pola Subdelegada do Goberno e a labor e o esforzo que se fará por parte de todos: a Policía Nacional, con máis apoios de efectivos da Comisaría Nacional e a UPR; a Garda Civil de Tráfico, nos controis de acceso á cidade e a nivel marítimo, co apoio da patrulla de embarcación de cara á procesión; a unidade adscrita da Policía Autonómica, que tamén reforzará o operativo e toda a plantilla da Policía Local, que coordinará o control do tráfico e a seguridade cidadá.
A subdelegada do Goberno expresou a súa vontade inequívoca de colaboración e dos operativos establecidos polos Corpos e Forzas de Seguridade do Estado. Farase especial esforzo en controis de alcoholemia e drogas.