Este acordo terá unha vixencia de 4 anos e un importe estimado de 543.000 euros, que a empresa pública destinará a compensar economicamente ao ente supramunicipal
O Consello da Xunta aprobou onte a formalización dun convenio de colaboración entre Sogama e a Mancomunidade do Morrazo para unha xestión máis sostible da planta de transferencia da que esta última é titular e que, desde hai anos, dá servizo aos concellos de Bueu, Cangas e Moaña. Dado que o canon unitario aplicado por Sogama aos 295 concellos adheridos ao seu sistema contempla a xestión deste tipo de instalacións, o transporte e o tratamento final dos residuos urbanos no complexo medioambiental de Cerceda (A Coruña), e tendo en conta de que a Mancomunidade vén sufragando os custos da transferencia, con este acordo, que terá unha vixencia de 4 anos, a empresa pública compensará economicamente ao ente supramunicipal, incrementando a súa achega a un importe estimado de 543.000 euros (IVE incluído).
A través deste convenio dáse debido cumprimento a un dos obxectivos da Lei de residuos e solos contaminados de Galicia, que é promover a maior cooperación coas entidades locais a fin de lograr o mellor resultado ambiental global no tratamento dos refugallos e a máxima eficiencia no uso de recursos públicos. Se ben as plantas de transferencia traen consigo importantes beneficios ambientais para os concellos ao reducir o transporte de residuos ata Cerceda, minimizando desta forma o tráfico pesado, coa conseguinte diminución de emisións de CO 2 á atmosfera, a integración da planta do Morrazo na infraestrutura de Sogama tamén evita a construción dunha nova instalación e os correspondentes custos de xestión e mantemento.
No marco deste convenio de colaboración, Sogama asumirá a completa xestión dos residuos transvasados desde a planta. Isto comprende a recollida de contedores cheos nas instalacións da Mancomunidade e o seu retorno ás mesmas unha vez baleirados no complexo medioambiental de Cerceda. Así mesmo, e dado que as plantas de transferencia deben cumprir uns determinados requisitos técnicos, a Mancomunidade materializou unha serie de melloras para que poida desempeñar a función asignada con total solvencia e garantías.
Adicionalmente, a instalación debe estar dotada de contedores de residuos homologados para ser transportados por estrada e ferrocarril. O uso deses contedores cederase a Sogama, que se encargará do seu correcto mantemento.
A pretensión última é que a xestión dos residuos producidos nos concellos que utilizan os servizos da planta do Morrazo gañe en eficiencia co menor gasto posible. En todo caso, a tramitación deste convenio formúlase logo de abonar a Mancomunidade a débeda contraída con Sogama, que ascendía a aproximadamente 8 millóns de euros.