Unha investigación aberta avaliará esta versión ou a descartará para concretar o motivo real do lume. A Garda Civil confirma varias persoas identificadas
24 horas despois de que se declarase o incendio na zona de Quintáns, na parroquia moañesa de Meira, a tensión descendeu e chega o momento das preguntas: que pasou para que comezase a arder?. Varios veciños da zona afectada e tamén doutros puntos da parroquia apuntan a que a orixe das lapas foi unha faísca mentres unha empresa contratada pola Comunidade de Montes de Meira rozaba no punto no que prendeu. Isto, de momento, só son teorías que agora deberá referendar a investigación que está a levar a cabo tanto a Garda Civil como a Xunta de Galicia. Polo momento, non hai certezas. Si veciños que xa acudiron a declarar como testemuñas e outras persoas, segundo a Garda Civil, que foron identificadas por estar nese momento realizando as labores de roza. A Benemérita no concreta o número nin se pertencen a unha empresa ou a un colectivo local.
Outro dos comentarios máis escoitados ao longo desta mañá na parroquia ten que ver coa onda de colaboración cidadá que sen pensarllo acudiu a loitar contra o lume, cada un co que podía. Máis de 500 persoas con simples cubos de auga ata ramas coas que afogar as lapas. Incluso esta noite unha patrulla nocturna formada por parte do goberno local e pola Policía Local percorreu a zona afectada para axudar aos equipos de extinción que traballaban no lugar, detectar posibles focos que puidese reavivarse co vento ou axudar aos veciños naquilo que puidesen necesitar.
Tampouco desde a Xunta escatimouse en medios, a pesar de que en Ponteareas outro incendio ameazaba a un núcleo de vivendas. O propio conselleiro de Medio Rural explicou desde Meira que este incendio de Moaña preocupaba, non pola súa extensión, senón pola proximidade ás vivendas e, polo tanto, había que poñer todos os esforzos por evitar que algunha delas puidese verse afectada. Afortunadamente só queimouse o tellado dunha vella vivenda baleira anexa a outra cuxos donos viron como o lume case entra pola porta da súa casa.
Arderon máis de 20 hectáreas, segundo informa a consellería do Medio Rural, que asegura que o incendio xa está perimetrado e a súa extinción evoluciona favorablemente.