A tradicional festa das alfombras celebrarase a segunda fin de semana de xuño, concretamente o sábado día 10 e o domingo día 11
A ‘Festa das Alfombras Florais 2023’, declarada como de Interese Turístico Galego, afiánzase en Bueu. O Concello de Bueu presentou este xoves o programa da ‘Festas das Alfombras Florais 2023’. O acto de presentación tivo lugar na sala de plenos do Concello ás 12 horas e nel participaron o alcalde de Bueu, Félix Juncal; o concelleiro de Cultura, Xosé Leal; o párroco do municipio, José López, e colectivos. No encontro, tanto Juncal como Leal fixeron fincapé na importancia da colaboración cidadá, animando así a participar na confección das alfombras florais. “As persoas son as que manteñen a tradición”, expresou o alcalde na rolda.
Esta celebración é promovida polo Concello, en colaboración coa Deputación de Pontevedra, diversos colectivos e veciñanza. O sábado día 10 e o domingo día 11 de xuño serán as xornadas elixidas para a celebración da ‘Festa das Alfombras Florais 2023’, nas cales haberá música e, sobre todo, moita cor. Para levar adiante unha tradición coma esta e garantir o seu prolongamento no tempo, é precisa a unión cidadá na realización das alfombras e no gozo das diversas actividades. O alcalde quixo trasladar este sentimento no encontro, pois declaraba que “a festa debe ser un momento para compartir”.
A noite do sábado dará comezo a celebración da festa floral coa representación, ás 22 horas da obra ‘Habitarme’ da Compañía de Danza e Teatro Al lío, financiada pola Deputación de Pontevedra. A peza representarase no Centro Social do Mar e o acceso a esta será de balde ata completar aforo. ‘Habitarme’ é unha peza de danza teatro que, tal e como explican dende a fundación ‘Igual-Arte’, trata sobre mulleres diversas, ben habitadas, desexantes, facedoras, que cuestionan e que se cuestionan, sobre mulleres que desacomodan, que escollen moverse e buscar outros modos. A fundación artística integral‘Igual-Arte’ acolle a persoas con capacidades diferentes e xurdiu no 2002 baixo o cometido de abrir un espazo no cal as persoas con diversidade funcional puidesen expresarse de maneira artística.
Á medianoite, dará comezo a tradicional elaboración das alfombras florais por parte da veciñanza e dos colectivos. O concelleiro de cultura puxo en valor o traballo das persoas alfombristas, colectivos e da veciñanza que participan nesta festividade. Ademais, o edil recoñeceu o esforzo extra da Asociación Cunchas e Flores, dende a cal empregarán un modelo básico de alfombra para cubrir os ocos baleiros nos tramos da calzada nos que non existan mantos florais feitos pola veciñanza ou colectivos. Os tapices florais atravesarán o casco urbano e serán contemplados pola procesión, a cal sairá dende a Igrexa de San Martiño e continuará polas rúas Ramon Bares, Pazos Fontenla, Francisco Escáneo, Montero Ríos, Eduardo Vincenti, rematando en Santan, cun percorrido no que haberá catro altares.
O domingo día 11 será a última xornada da ‘Festa das Alfombras Florais 2023’. Ás 18 horas celebrarase na Igrexa de San Martiño a misa solemne do Corpus Christi, na cal cantará a Coral Polifónica de Bueu. A continuación desenvolverase a tradicional procesión desta festividade, que estará acompañada pola Banda de Música Artística de Bueu. O párroco do municipio anima á poboación a participar no acto relixioso e acompañar na procesión. Pola noite, concretamente ás 21 horas, no aparcadoiro das Lagoas, a cidadanía poderá gozar e bailar ao ritmo da orquestra pontevedresa ‘La Oca Band’ , que será a encargada de pechar unha fin de semana marcada pola tradición e a arte efémera. Leal aclarou que este ano non haberá atraccións debido a que a dispoñibilidade de espazos “é complexa”.
A Festa das Alfombras de Bueu é de Interese Local dende o ano 2002 e Festa de Interese Turístico Galego dende o 2017, declarada pola Axencia Galega de Turismo. Con máis dun cento de anos de antigüidade, a festa das alfombras aínda traslada a tradición ao municipio bueués. As carrozas que se elaboraban na antiga carpintaría da fábrica Massó forman parte das lembranzas dos veciños e veciñas da vila. Nestes últimos anos, as alfombras medraron e tamén se espallou o seu coñecemento por todo o mundo.
Últimos días para solicitar material para a elaboración de alfombras
As persoas interesadas en confeccionar alfombras florais poden cubrir o formulario creado polo Concello para a solicitude de material ata o 5 de xuño. Este pódese atopar e completar no propio concello, en formato físico, e a través da web (concellodebueu.gal), en formato electrónico. Entre o material dispoñible, atópase trigo, cebada, xices, cola e rotuladores.
O Concello alenta á veciñanza, as asociacións e a outros colectivos a participar e colaborar na confección das alfombras florais e así manter viva unha tradición con moita historia ás súas costas.