A voceira do Partido Popular de Bueu censurou o reparto de áreas do goberno local como «confuso e pouco útil, feito para repartir soldos e non para garantir a mellora de Bueu”. “No pleno do xoves quedou de manifesto a falta de vontade de diálogo do novo grupo de goberno, cun PSOE que hai un mes pedía máis transparencia e que en canto lle puxeron un soldo se dá por satisfeito e cun BNG que se nega a dialogar”, expresou ao medios. Con estas palabras resumiu a voceira popular, Elena Estévez, os debates e votacións dos tres puntos máis destacados da orde do día: a aprobación dos salarios, o número de comisións informativas e a determinación do persoal eventual.
Nesta última cuestión, a popular defendeu o voto contrario en base aos informes desfavorables dos técnicos municipais, que “deixan ben claro que a RPT aprobada hai un ano ten defectos en canto ao persoal que recolle” e que tería que ser modificada previamente. Ademais, argumentou que “a resposta respecto aos detalles da segunda persoa de confianza, que adiantou Faro, foi inexistente, sen que o alcalde e a voceira do PSOE abrisen a boca”, o que fai que “a día de hoxe non teñamos información municipal, só o que publica a prensa, unha forma de traballar que non se corresponde coa que ha de ter un concello. Xa que logo, subliñou que “desde o Partido Popular estaremos atentos á xogada do novo goberno nese eido para que non se produzan irregularidades, pois segundo a prensa esa persoa vai ser unha funcionaria que ten outras tarefas diarias”.
Ao respecto da determinación das comisións informativas, Estévez amosou a súa sorpresa polo “cambio de postura dos socialistas”, que “hai un mes dicían que querían volver ao sistema de comisións por áreas e que agora, con soldos polo medio, comulgan con rodas de muíño e emendan totalmente ao seu voceiro no anterior mandato e ao propio candidato”. Así, a popular explicou que, coa organización actual, “vaise dar a situación de que concelleiros presenten unha proposta e non poidan estar nos órganos nos que se decide sobre ese asunto”, o que, ao seu xuízo, é “un claro pisoteo aos dereitos de participación que temos os concelleiros, esteamos no goberno ou na oposición”.
Ao igual que os outros dous asuntos, a aprobación dos salarios tamén contou co voto desfavorable dos populares, “tendo en conta que xa no mandato pasado se incorporaron novos soldos e isto non repercutiu para nada nunha mellora de Bueu, senón o contrario”. “Por unha banda, como no resto de asuntos, o grupo de goberno pretende o noso voto favorable cando nin nos chamaron para explicar as súas propostas, e pola outra estamos ante un goberno no que queda claro que van ser moitos a dirixir sobre o mesmo”, afirmou, criticando que “a persoa que vai ir aos Consellos Escolares non ten competencias sobre a mellora dos centros, que unha actividade nun espazo museístico dependa de dúas áreas diferentes etc.”, así como que “se fagan concellerías popurrí con cuestións tan diferentes como
modernización da administración, residuos e ensino ou persoal, comercio e turismo,
que parecen feitas para dar soldos e non ao revés, dar os soldos en función da verdadeira carga de traballo”.
Así, subliñou que “volvemos a estar ante un alcalde que predica unha cousa e fai a contraria, predicando unha política da man tendida e do diálogo e que despois é incapaz de falar coa oposición”. Ademais, a popular afirmou que “o feito de que non haxa áreas claramente definidas, lévanos a un mandato máis caracterizado pola falta de coordinación e planificación, co engadido de ser o máis caro da historia de Bueu”.
En consecuencia, Estévez afirmou que o grupo popular comezará co labor de fiscalización do goberno local desde xa, con propostas, peticións e críticas, exercendo da oposición responsable que demandan os bueueses”. Estaremos atentos a ver o que da de sí o goberno máis caro da historia de Bueu con 6 soldos por valor de case 150.000 euros anuais e que despois argumentan que non teñen persoal na brigada de obras para limpar camiños e colocar baldosas”