Vinte alumnos clausuraron hoxe o curso de cociña e restauración que iniciaron hai un ano para responder así á demanda de traballadores do sector en Moaña e na comarca. Unha experiencia nova no Morrazo incluída no programa Moaña Labora VI e financiada grazas á axuda económica da Xunta de Galicia. En total, 524.787 euros para formación en servizo de comedor, restaurante, comida para levar e en cátering e hostalería para actos e eventos.
Precisamente, a delegada da Xunta, Ana Ortiz, visitou o Padroado de Beiramar para participar na entrega de diplomas xunto á alcaldesa, Leticia Santos, a presidenta da institución, Coral Ríos, e concelleiros do goberno e tamén do grupo municipal do PP como Javier Carro e Ezequiel Fernández.
Ortiz animou aos participantes a aproveitar a oferta formativa e laboral para incrementar as posibilidades de atopar un traballo. “A formación que recibides durante o último ano son unha ventá ao mercado de traballo e tanto a cidade como o resto de Galicia, a sociedade e as empresas, necesitan xente formada, aí é onde tedes a vosa oportunidade”, destacou.
Próximo curso: Forestal e Sociosanitario
O Concello de Moaña, tamén grazas á achega da Xunta, ofertará para este curso as especialidades de Técnico Forestal e Sociosanitario dentro do programa Moaña Labora VII que xa foi concedido pola administración autonómica. No caso do Moaña Moza, moi similar a este curso de hostalería, non se reeditará. A alcaldesa asegurou que se corrixirán aqueles erros que puidesen cometerse para que novamente o Padroado acolla este formativo.