A Escola Municipal de Música de Moaña acolle os días 14 e 15 de outubro un curso instrumental de perfeccionamento de tuba e trombón impartido polos músicos César Núñez Pérez e Fautisno Núñez Pérez. Este evento está organizado pola Anpa Diapasón da Escola de Música, en colaboración co Concello de Moaña, e coordinado polos mestres de trombón José Pons Boils (profesor de trombón no Conservatorio Profesional de Música de Vigo) e Salvador Meira Corrales (profesor de trombón na Escola Municial de Música de Moaña).
Este evento enmárcase dentro das actividades que a escola realizará ao longo deste curso na celebración do seu 25 aniversario.
Este curso contará con diversas actividades: clases grupais, clases individuais e conxunto instrumental. O domingo pola tarde, o alumnado asistente dará un pequeno concerto para todo o público que queira acercarse á Carballeira da Escola.
A idea da coordinación pedagóxica é que o alumnado asistente adquira novas ferramentas para o estudo e a interpretación do seu instrumento, así como acercar a figura de músicos importantes do panorama musical como son Tino e César.