Alternativa dos Veciños (AV) solicita ao goberno de Cangas a través da súa sede electrónica o acceso ao informe do arqueólogo contratado e dos resultados emitidos neste documento a Patrimonio tras a realización da sondaxe demandada por este organismo autonómico para poder levar a cabo a execución das obras Preguntoiro-Coto, en Viñó. Obra para a que a anterior alcaldesa, Victoria Portas, solicitou unha subvención a cargo do Plan Concellos 2022 e que lle foi concedida en marzo de 2023. «Entendemos que este é o motivo da demora da licitación da obra e da realización da mesma», manifestan.
«Queremos poñer en valor a importancia dunha execución exemplar desta obra, por atoparse na contorna de protección da que estamos a falar e do importante da obra para a veciñanza para poder ter vias de escape na épocas estivais, facéndose imprescindible un tratamento correcto da circulación de vehículos nesa contorna. Xa que un cambio na idea inicial de circulación faría fracasar dito proxecto», expoñen na petición.
A obra de pavimentación e acondicionamento do Vial Preguntoiro – Coto, en Viñó, entra dentro do proxecto de Alternativa para a mobilidade nas zonas de praias que comezou o seu camino no ano 2021. Dado o ámbito de protección no que se atopa dito vial, ao igual que a Rúa de Fora de Donón, foi un proxecto que requeriu de infinidade de informes sectoriais e situacións para que puidera ser un proxecto realizable .
É o 30 de xaneiro de 2023 cando en aquel momento Portas presenta a subvención para solicitar ante a Deputación de Pontevedra unha axuda por importe de 67.926,13 euros, IVE incluído, con cargo á liña 1 do Plan Concellos 2022 destinado á execución do investimento «Pavimentación rúa Preguntoiro-Coto. Viñó» segundo o proxecto redactado polos arquitectos municipais. Subvención que foi concedida pola Deputación de Pontevedra o 10 de marzo 2023.
É o Servizo de Coordinación Cultural da Xunta de Galicia (Patrimonio) o que require este informe para poder levar a cabo ditas actuacións xa que:
“Un tramo da pavimentación transcorre dentro do ámbito de protección do xacemento O Preguntoiro (GA36008052) establecido no Plan Básico Autonómico (Decreto 83/2018, do 26 de xullo, polo que se aproba o Plan básico autonómico de Galicia), e está incluído no catálogo interno de xacementos da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural.
Este xacemento, explican dende Alternativa dos Veciño (AV), é posiblemente un asentamento adscrito ó Calcolítico, e os seus límites non están claramente definidos, se ben créese que o punto central podería situarse en torno ó cruce do camiño de baixada de Viñó á Praia de Areameán, co que bordea esta última cara a praia de Barra, ata o rego da Fonte das Bruxas. A súa existencia confírmase a través da aparición de cerámicas lisas e outras decoradas, así como dunha man de muiño. Con anterioridade xa tiñan aparecido restos dunha lareira, cerámicas e escoria de fundición.
Atendendo a distancia co xacemento e o emprazamento das obras dentro do ámbito de
protección do ben, consideró necesaria a realización de sondaxes manuais e mecánicas
previas á autorización. Unha vez finalizadas ditas sondaxes, e en función do seus resultados, valorarase a viabilidade das obras previstas ou, de ser o caso, as condicións de viabilidade».