Alcaldesa e concelleira no acto.

A alcaldesa, María Ramallo, visitou o IES Mestre Landín para achegarlle ao alumnado esta iniciativa, coa que coñecer máis á figura musical que dá nome ao seu centro. Xunto a ela estivo Felipe Rea, músico e mestre neste instituto.

A figura do Francisco Landín Pazos, director e compositor internacional de música, coral e danza, é un dos veciños máis ilustres da historia cultural de Marín. Por iso, desde o Goberno local queren poñer en valor a súa figura, coa edición dun cómic sobre a súa vida e traxectoria, que foi o berce da traxectoria musical de centos de marinenses.

A presentación do cómic, que chegará aos centros educativos proximamente, realizouse co alumnado de Música e Tecnoloxía do IES Mestre Landín, instituto que leva o nome da figura homenaxeada con esta campaña, ao que o músico e divulgador Felipe Rea expuxo os datos biográficos máis interesantes deste artista.

Landín xa formaba parte da Banda de Música Municipal de Marín cando esta só levaba creada un ano e á que 20 anos despois regresaría como director.

O ilustre músico con 40 anos funda o Coro «Airiños Mareiros». Desta etapa, ten unha mención especial a súa peza “Foliada de Marín”. O Centro Galego de Bos Aires concedeullo o único premio establecido para música á súa composición «De Pandeirada» e tamén recibiu homenaxes e distincións da Sociedade de Artesáns de Santiago de Compostela ou do Concello do Grove.

A alcaldesa, María Ramallo, e as concelleiras Itziar Álvarez e Marián Sanmartín estiveron nesta presentación, na que puideron falar cos rapaces e rapazas do instituto e gozar dunha interpretación musical a cargo de Rea.

Esta iniciativa foi posible ao abeiro dunha subvención da Secretaría Xeral de Política Lingüística, pola que se conceden subvencións ás entidades locais de Galicia para a promoción do uso da lingua galega»

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *