As Festas de San Martiño 2023 regresan un ano máis e ante a gran afluencia de público que reúnen, como cada edición, todo o mundo pregúntase onde poder aparcar para evitar unha sanción. Pois a resposta é rápida, para non levar un bo susto que nos amargue a festa hai que deixar o coche estacionado só en zonas onde estea permitido ou, pola contra, serán multados. O Concello de Moaña, segundo a Policía Local, non ten previsto habilitar zonas extraordinarias para deixar os vehículos nin tampouco fará unha excepción que permita deixar o coche sobre os laterais de O Casal.
Por tanto, as condicións serán as mesmas que o ano pasado, a pesar das críticas posteriores dos numerosos condutores que foron sancionados por aparcar en zonas prohibidas e pese as advertencias previas do goberno local e da comisión de festas, que en todo momento recomendou estacionar en lugares autorizados ou acudir á celebración a pé.
Programación
Ademais dos tradicionais furanchos, 14 este ano, Concello e comisión de festas teñen preparada unha programación para todos os públicos. O primeiro día será o 4 de novembro con Orixe Festival, organizado polo Concello, con entrada gratuíta no atrio da igrexa para ver as sesións djs de Samu Pexe, DJ Michi, Iván Alonso e Dumore. Despois, o 10 haberá verbena cos Satélites e o grupo A Banda de Onte. O sábado 11, día grande, actuarán as orquestras Meigos e Capitol e para pechar a edición os veciños poderán gozar de Marbella e o grupo Tania Veiras.