Repararanse os módulos de formigón, cambiarase a reixa de pluviais e realizarase unha limpeza dos muros e do peche perimetral da zona
A remodelación do skate park do Parque Azul xa conta con financiación. A Vicepresidencia segunda e Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes, vén de conceder ao Concello de Marín unha subvención por valor de 48.382 euros para acometer este proxecto, esencial para revitalizar a cultura urbana da nosa cidade.
A axuda realizarase en dúas anualidades, 21.254,24 euros en 2023 e 17.451,67 euros en 2024. “Esta infraestrutura é moi utilizada pola mocidade de Marín e está nun enclave moi característico, como é o noso Parque Azul, que conta tamén con canchas de baloncesto, espazo para pasear, xogar, un parque infantil e un achegamento innegable ao mar”, declarou a alcaldesa, María Ramallo.
Os traballos consistirán na reparación de todos os módulos de formigón e das bancadas e substituirase a reixa de recollida de pluviais. Tamén se limparán os muros e o peche perimetral do parque.
Volverase pavimentar todo a lousa do chan e cambiarase a varanda metálica. En canto aos módulos de aceiro que hai sobre as actuais escaleiras, serán retirados para realizar dous novos en formigón. A maiores, colocarase nova iluminación en todo o paso subterráneo de acceso ao parque.