Trátase do inmoble sito no número 156 e contará con dúas habitacións individuais e unha doble. Paralelamente, segue avanzando a elaboración do Plan Especial de Protección
A Xunta de Goberno Local de Marín aprobou na súa reunión da pasada semana a concesión dunha licenza para rehabilitar un edificio situado no número 156 da rúa Concepción Arenal e destinalo a unha pensión de tres estrelas.
A actuación, cun orzamento de obra de 100.000 euros, permitirá acondicionar o inmoble para albergar dúas habitacións individuais e unha dobre. O proxecto supón un novo impulso á recuperación de edificios degradados, incorporando un uso que contribuirá á actividade económica e á oferta de aloxamento da vila.
Desde o Concello ponse en valor a importancia de favorecer a rehabilitación de inmobles para que recuperen a súa utilidade e contribúan á dinamización da súa contorna.
Avances no Plan Especial do Casco Histórico e de Cantodarea
Por outra banda, continúa a elaboración do Plan Especial de Protección do Casco Histórico e do Barrio de Cantodarea. O equipo redactor e os técnicos municipais están a traballar sobre o primeiro borrador do documento, que establecerá a normativa de protección destas dúas zonas.
A necesidade deste instrumento está recollida no Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM). O seu obxectivo é definir as directrices urbanísticas que permitan desenvolver proxectos nestes ámbitos, nos que, segundo o marco actual trasladado polos servizos municipais, as intervencións están limitadas á conservación e ao mantemento do xa construído.
O futuro plan busca compatibilizar a revitalización dos dous barrios coa protección do seu patrimonio e da súa identidade, establecendo un marco que oriente as intervencións e permita avanzar na recuperación dos inmobles e dos espazos urbanos.

