Un total de 20 participantes asistiron ao acto de clausura celebrado no Museo Manuel Torres, coa presenza do delegado da Xunta en Pontevedra e a concelleira de Promoción Económica e a de Comercio.
O Museo Manuel Torres acolleu o acto de clausura do Programa Integrado de Emprego do Concello de Marín 2025-2026, unha iniciativa destinada a mellorar as oportunidades de acceso ao mercado laboral a través da formación, a orientación personalizada e a adquisición de novas competencias profesionais.
O acto contou coa participación da concelleira de Promoción Económica, Beatriz Rodríguez, e do delegado territorial da Xunta de Galicia en Pontevedra, Pablo Fernández, que fixeron entrega dos diplomas conmemorativos ás 20 persoas participantes que asistiron á clausura, nunha xornada de recoñecemento ao esforzo realizado durante os últimos meses.
O axente de Emprego e Desenvolvemento Local do Concello, Alfredo Montero, foi o encargado de facer balance do programa, que ao longo do seu desenvolvemento atendeu a un total de 110 persoas e acadou unha porcentaxe de inserción laboral situada entre o 35% e o 40%.
Formación e acompañamento para mellorar a empregabilidade
Durante o programa desenvolvéronse diferentes accións formativas adaptadas ás necesidades do mercado laboral, con especialidades como caixa e reposición, atención a persoas dependentes, xestión contable, informática, prevención de riscos laborais, inglés, loxística ou intelixencia artificial, entre outras. Ademais, 27 persoas participaron en prácticas laborais non profesionais, que lles permitiron achegarse directamente á realidade das empresas e adquirir experiencia en contornas de traballo.
Estas accións complementáronse con itinerarios personalizados de inserción, orientación sociolaboral e xornadas centradas na procura activa de emprego, o emprendemento ou o coñecemento dos dereitos laborais.
Durante a súa intervención, a concelleira de Promoción Económica quixo trasladar unha mensaxe de recoñecemento e ánimo ás persoas participantes, destacando que «o importante deste programa non son só as cifras de inserción, senón tamén todo o camiño percorrido por cada unha das persoas que decidiron apostar pola súa formación e polo seu futuro profesional». Rodríguez salientou que «buscar emprego non sempre é un camiño fácil, pero cada nova competencia adquirida, cada experiencia e cada esforzo realizado son ferramentas que nos preparan para aproveitar as oportunidades que poidan xurdir».
Un dos momentos máis especiais da xornada foi a intervención de Mónica González de Oliveira, antiga participante dunha edición anterior do Programa Integrado de Emprego, que compartiu a súa experiencia persoal e profesional. Tras o seu paso polo programa, Mónica conseguiu incorporarse ao mercado laboral, converténdose nun exemplo directo de como estas iniciativas poden contribuír a abrir novas portas no mercado laboral.
A xornada rematou coa entrega de diplomas, unha fotografía de familia e un café servido polo alumnado da especialidade de Cociña do Obradoiro Dual de Emprego que se está desenvolvendo actualmente no Concello de Marín.

