O contrato inclúe a instalación dos elementos ornamentais, o seu mantemento e retirada. O Concello xa traballa na preparación dunha programación á altura das festas máis emotivas do ano
O Concello de Marín ten aberta a licitación da subministración e instalación do alumeado de Nadal de 2026, cun orzamento base de 108.900 euros, IVE incluído, financiado integramente con fondos municipais.
Esta contratación permitirá preparar a iluminación e a decoración dos principais espazos públicos e rúas da vila para as festas de final de ano. O alumeado constitúe un dos elementos máis recoñecibles do Nadal e contribúe a crear un ambiente acolledor, atraer visitantes e favorecer a actividade do comercio e da hostalaría locais.
Iluminación e decoración para acompañar as festas
O contrato abrangue o alugueiro, a instalación, o mantemento e a desmontaxe das luminarias e dos elementos ornamentais, incluídos os seus soportes e ancoraxes. Tamén contempla as autorizacións, inspeccións e demais actuacións
necesarias para a súa posta en funcionamento.
A iluminación e o reforzo decorativo dos espazos públicos forman parte da preparación destas datas, nas que as rúas se converten en lugares de encontro, paseo e celebración para a veciñanza e para quen visita Marín. Tal e como xa se fixo o ano pasado, tratarse de chegar ao maior número de puntos do municipio, reforzando a iluminación con estacións decorativas en lugares clave como a Alameda, o Parque Eguren ou as igrexas de todas as parroquias, entre outros lugares.
O obxectivo municipal é que esta ambientación acompañe a actividade da vila e contribúa a animar as compras nos establecementos de proximidade e a participación nas propostas de Nadal.
O Concello xa traballa na programación
En paralelo á contratación do alumeado, o Concello está xa en pleno proceso de traballo para preparar unha programación á altura das festas, que complete a decoración e ofreza motivos para desfrutar de Marín durante as últimas celebracións do ano. A planificación anticipada permite coordinar os distintos elementos que conformarán a campaña de Nadal, desde a ambientación dos espazos públicos ata as actividades que se darán a coñecer unha vez estean pechadas.
Presentación electrónica das ofertas
As empresas interesadas deberán presentar as súas propostas a través da Plataforma de Contratación do Sector Público, onde poderán consultar os pregos e a documentación do expediente.
A resolución establece un prazo de 26 días naturais desde o día seguinte á publicación do anuncio de licitación para presentar ofertas. O contrato terá unha duración de dous meses.
A documentación pode consultarse no perfil de contratante do Concello de Marín en contrataciondelestado.es.

