Foto de familia na inauguración do pavillón.

O presidente provincial, xunto coa alcaldesa e deputada maría ramallo, comproba o remate dunha obra valorada en 725.000€, do que a Deputación financiou case o 35%, preto de 250.000€, con cargo os recursos do Plan +Provincia

O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, sinala a reforma do pavillón do Sequelo, en Marín, como mostra do compromiso do goberno provincial pola cooperación cos concellos e pola mellora das instalacións deportivas municipais. Acompañado pola alcaldesa e deputada, María Ramallo, o mandatario provincial comprobou o resultado da mellora integral efectuada neste recinto municipal e no que a Deputación investiu 250.000€. “En Marín estámonos acostumando a reformar integralmente pavillóns. Hai un ano estabamos na Cañota e hoxe, no Sequelo. O Concello comparte coa Deputación o compromiso de apostar polas infraestruturas deportivas, en Marín estamos mellorando moitas e a execución final deste pavillón é digna de admiración”, declarou o presidente Luis López sobre ambas reformas, financiadas por 710.000 euros de fondos provinciais, nun encontro coa rapazada que participa nos campamentos municipais de verán e con representantes do tecido deportivo do municipio.

O presidente provincial coa alcaldesa e os concelleiros do goberno local

Valorado en 725.000 euros, a obra contou coa colaboración da Deputación cunha achega de 250.000 euros a través do Plan +Provincia, mentres que os 480.000 euros restantes proceden de fondos europeos conseguidos polo Concello. A actuación consistiu na mellora da eficiencia enerxética, da accesibilidade, no reforzo da estrutura, na renovación da cuberta e das fachadas e na posta a punto da pista deportiva. “Xa é visible a transformación deste pavillón, o Concello pon á disposición do tecido deportivo unha instalación de primeira”, remarca o dirixente. Pola súa banda, a alcaldesa María Ramallo recoñeceu que “os clubs que empregan esta infraestrutura ao longo do ano levaban moitos meses sen poder ser utilizado polas obras”. Unha espera paciente que agradeceu e que a partir de agora permitirá ofrecer aos usuarios “un pavillón que seguirá albergando moitas actividades”, subliñou a rexedora.

“Estes fitos non son froito da casualidade”, puntualizou o presidente provincial. “Detrás deles hai capacidade para planificar proxectos maduros e executables, hai capacidade para conseguir diñeiro doutras administracións e aforrarllo ao concello e hai capacidade para solucionar todo tipo de dificultades. Dito dunha maneira máis rápida, detrás disto está María Ramallo, a mellor alcaldesa que pode ter Marín e unha gran compañeira que teño na Deputación, onde coordina todo o que ten que ver cos 61 concellos da provincia”, eloxiou López.

Por outro lado, o presidente provincial reafirmou o compromiso coa cooperación con concellos como o de Marín e coa mellora de equipamentos deportivos como o do pavillón do Sequelo. “Somos a provincia do deporte. Pero non é só por deportistas de alto nivel, nin por acoller eventos deportivos, nin porque temos clubs excepcionais, tamén porque contamos con instalacións deportivas de primeira”, sostén o dirixente tendendo a man da colaboración ao Concello que, segundo avanzou a alcaldesa, xa traballa en futuras intervencións no pavillón da Raña e na bancada do campo de fútbol de San Pedro. “Imos seguir impulsando as infraestruturas deportivas de Marín e estou convencida de que teremos sempre a axuda da Deputación”, concluíu María Ramallo.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *