A modificación da RPT aprobouse cos votos favorables de BNG, PSOE e edil non adscrito, mentres que o convenio para Pazos Fontenla saíu adiante cos votos do goberno, e en contra dos restantes
A corporación municipal de Bueu celebrou ayer unha sesión plenaria extraordinaria, na que se aprobou a segunda modificación da Relación de Postos de Traballo e o levantamento de reparo e de subscrición de convenio coa Axencia Galega de Infraestruturas (AXI) para a mellora da rúa Pazos Fontenla. A primeira contou cos votos favorables dos grupos de goberno, BNG e PSOE, e do edil non adscrito, mentres que o PP votou en contra; e a segunda, aprobouse cos votos do goberno e en contra dos grupos da oposición.
Silvia Carballo, concelleira de Persoal, foi a encargada de defender a proposta de aprobación definitiva da segunda modificación da RPT, e salientou que “son dezaoito medidas que significan que poidamos ter máis persoal para tramitar expedientes e co fin
de levar adiante as funcións do Concello”. Elena Estévez, voceira do PP, botoulle en cara ao executivo que “se aproben propostas sen contar cos traballadores e traballadoras” e tamén aludiu ao informe da secretaria no que se “incide en que a valoración de cada posto se tería que facer individualmente por unha empresa especializada”.
Félix Juncal, alcalde da vila, explicou que “hai dous modelos: o do PP, máis caótico, e o noso, ordenado e atendendo aos intereses xerais”, e fixo alusión a que “a administración de hoxe en día nada ten que ver coa de hai anos, e nestes meses tramitáronse cuestións que se crían impensables e foi grazas ao traballo técnico”. O rexedor rematou o debate remarcando que “o que para vostedes é un problema, para nós supón unha oportunidade”.
A continuación comezou o debate arredor da proposta de levantamento de reparo e de subscrición de convenio entre a Axencia Galega de Infraestruturas (AXI) e o Concello de Bueu para a urbanización da rúa Pazos Fontenla na fase 1. Xosé Leal, concelleiro de Facenda, explicou a importancia desta obra por tres cuestións: que se trata dun feito histórico mellorar este vial autonómico por arriba e por abaixo, incluíndo a capa de rodadura e de tránsito peonil pero tamén os servizos de abastecemento e saneamento de auga; a consecución desta obra na súa primeira fase vén despois dun traballo arduo de negociación tanto interno como externo, para conseguir fondos para a súa execución que cristalizaron no convenio coa AXI que permitirán o financiamento do 70%; a actuación vai ser unha referencia en canto á mobilidade sostible, pois vai ter un sistema novidoso de control dos asolagamentos.
Daniel Chapela, edil non adscrito, adiantou o voto en contra porque “creo que é un proxecto que queda bastante coxo ao non haber unha planificación de como afectará á veciñanza, e supón un erro tentar converter esta rúa nun bulevar ignorando o plan de mobilidade sostible e a conexión coas parroquias”. Tamén Elena Estévez declarou que “votaremos en contra deste levantamento de reparo, non pola obra nin polo convenio, senón polas advertencias feitas polo interventor no seu informe ao respecto da xestión do expediente”. Celso Dopazo, edil de mantemento de viais, apuntou que “esta obra é histórica pois leva corenta anos agardando e o que lle molesta á oposición é que vaiamos facendo xestións para mellorar a vila”. Félix Juncal rematou o debate remarcando que “o PP e o edil non adscrito vanlle ter que dar moitas explicacións á veciñanza por votar en contra”.

