A alcaldesa mostrando as novas letras do municipio.

Colocadas hoxe na nova praza creada na entrada do Auditorio, miden 1,50 metros cada unha e son de formigón.

Marín vive unha etapa de especial dinamismo e transformación urbana. Tras a recente apertura do novo Auditorio de Marín, o municipio suma hoxe un novo atractivo turístico e un novo elemento de identidade colectiva coa instalación das letras corpóreas que conforman o nome da vila. As novas letras, realizadas en formigón e cunha altura de 1,50 metros cada unha, quedaron situadas na praza gañada á cidadanía fronte á fachada principal do Auditorio de Marín, nun espazo que se está consolidando como un dos novos puntos de encontro e convivencia do centro urbano.

Esta intervención permitirá que tanto visitantes como veciños e veciñas conten cun novo reclamo para inmortalizar a súa visita e compartir a súa experiencia na vila. A alcaldesa de Marín, María Ramallo, destacou que “estas letras están chamadas a converterse nun punto de referencia para todas as persoas que nos visiten, pero tamén para os propios marinenses. Queremos que a xente presuma de Marín, que se faga fotografías aquí, que ensine os cambios tan importantes que estamos vivindo e que comparta o Marín que se está transformando”.

A rexedora puxo en valor a localización escollida para a súa instalación, sinalando que “desde este punto pódese apreciar un dos entornos máis emblemáticos do noso centro urbano, coa Praza de España e o novo auditorio como protagonistas. Estamos creando espazos para vivir, para gozar e para sentir orgullo do lugar no que vivimos”. Desde o Concello animan á cidadanía e ás persoas que visiten a localidade a achegarse ata este espazo, realizar as súas fotos e vídeos e compartilas nas redes sociais etiquetando ao Concello de Marín, contribuíndo así á promoción e difusión deste novo símbolo da vila.

Uns parterres con deseño de xardín inglés

Paralelamente, continúa avanzando a bo ritmo o axardinamento dos parterres situados no entorno do auditorio, financiada con fondos europeos. Nestes espazos estanse a plantar distintas variedades vexetais inspiradas no concepto de xardín inglés, que permitirán crear un conxunto paisaxístico atractivo, integrado e cheo de cor a medida que as especies medren e se desenvolvan.

A alcaldesa lembrou que esta actuación forma parte do Plan de Sostibilidade Turística, financiado con fondos europeos, “que nos está permitindo seguir mellorando a imaxe de todo este corazón urbano e da nosa conexión co litoral, como é na zona da dársena”.

A gran recuperación do mar no centro

Outra das actuacións que progresa de maneira satisfactoria é a mellora do entorno da dársena portuaria do antigo Cemiterio de Chalanas. Os traballos atópanse xa nunha fase moi avanzada, especialmente na construción dos bancos que formarán parte deste novo espazo recuperado para a cidadanía.

Ademais, nos próximos días instalarase unha placa de aceiro cortén deseñada en colaboración co Museo do Mar de Marín, que servirá como homenaxe aos homes e mulleres do mar, recoñecendo a súa contribución á historia, á identidade e ao desenvolvemento da vila. Tamén está prevista a próxima posta en marcha dos xogos de auga do Paseo Alcalde Blanco.

Próximas citas culturais e sociais no Auditorio

Mentres tanto, o novo Auditorio de Marín continúa consolidando a súa programación cultural. A próxima cita aberta ao público terá lugar o mércores 10 de xuño, ás 19.30 horas, coa celebración do concerto de música militar con motivo do 60 aniversario da Brilat. No evento participarán a Unidade de Música da Escola Naval Militar, a Banda de Guerra da Brilat e a Banda de Música Airiños de San Xulián.

A entrada será libre ata completar a capacidade do recinto. Este concerto será unha nova oportunidade para seguir desfrutando dun equipamento cultural que continuará acollendo nas próximas semanas diferentes actividades e eventos, entre eles os actos de graduación dos centros educativos da localidade.

Para rematar, María Ramallo animou á veciñanza a participar activamente nesta nova etapa que vive a vila. “Queremos ver estas letras cheas de vida, de fotografías e de lembranzas. Animamos a todo o mundo a achegarse, asistir aos eventos do Auditorio e antes facer a súa instantánea”, concluíu. Un xeito de ser.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *