
O grupo municipal do PP de Bueu vén de reclamar un plan de mantemento e mellora de todos os parques infantís do concello, posto que se atopan en malas condicións e nunha situación de evidente deterioro que imposibilita que poidan ser empregados con normalidade polos cativos e que tamén entrana riscos para estes mesmos usuarios.
Os populares denunciaron que estas malas condicións, en diferente grao, exténdense a todos os recintos de xogos de Bueu, que presentan eivas e deficiencias importantes, como a presenza de moita ferruxe nas súas partes metálicas, os elementos rotos ou deteriorados e incluso a falta de pezas acolchadas do solo, o que pode ocasionar feridas en caso dunha caída. Neste senso, desde o PP buenense quixeron exemplificar a mala situación dos parques infantís co existente en Banda do Río que, sen dúbida, “é o que presenta as peores condicións e que incluso parece incrible que siga aberto ao público porque hai elementos que non se poden usar ou non sexa obxecto dunha reparación inmediata para paliar a súa sensación de abandono”.
Neste senso, os populares revelaron que o seu estado foi obxecto de queixas que lles trasladaron os veciños, algo que tamén sucedeu cos demais recintos de lecer. Ante esta situación, a voceira municipal, Elena Estévez, lamentou a absoluta inacción do goberno de Félix Juncal en torno a unhas infraestruturas básicas e moi empregadas, posto que a elas acuden todos os días do ano centos de rapaces. Ademais, engadíu que as súas malas condicións confirman que as eivas que padecen “non son cousa puntual ou que suceden dun día para outro”, senón que confirman que “levan moitos anos sen coidarse e sen un euro investido por parte do Concello de Bueu”.

