Un contenedor de basura en el centro de Cangas lleno durante días.

Os datos oficiais do Consello de Contas demostran que Cangas é o concello que menos inviste dende 2019 en termos absolutos. En 2024, Redondela e O Porriño duplicaron e triplicaron a nosa inxección económica

O Partido Popular de Cangas cualificou hoxe de «estafa e mentira monumental» a xestión do servizo de recollida de residuos por parte do goberno de Araceli Gestido. Os populares puxeron sobre a mesa os datos oficiais do Consello de Contas de Galicia, que certifican un «infrafinanciamento crónico» e sitúan a Cangas á cola absoluta da provincia na franxa de 20.000 a 50.000 habitantes durante o último lustro.
O grupo maioritario da Corporación desmonta as afirmacións realizadas pola alcaldesa nacionalista no último Pleno, onde xustificou o ‘taxazo’ de 126 euros asegurando que Cangas tiña “unha das taxas máis baixas do Estado español”.

«A alcaldesa mentiu descaradamente para tapar a súa nefasta xestión. Concellos da nosa contorna e tamaño, como Marín (88 euros) ou Redondela (sobre 100 euros), cóbranlle moito menos aos seus veciños. E nos casos onde a taxa é similar, a diferenza de investimento é insultante: mentres aquí o tripartito nos cobra a prezo de ouro para investir a miseria de 31 euros por habitante na recollida, a media nacional rolda os 86 euros e concellos como Vilagarcía rozan os 96 euros por veciño. Cóbrannos impostos de luxo para darnos o servizo máis precario de toda a provincia», explican.

A formación debulla a serie histórica do Consello de Contas (2019-2024), que demostra o abandono sistemático da recollida do lixo. Mentres o orzamento de Cangas para este servizo xamais logrou achegarse ao millón de euros en todo este período, no exercicio de 2024 concellos coma O Porriño destinaron máis de 1,4 millóns e Redondela disparouse ata os 2,5 millóns de euros para xestionar os seus residuos. “Cangas leva todos estes anos á cola en investimento, provocando que o servizo estea nunha situación absolutamente precaria” reflexionan.

Esta asfixia económica, denuncian os populares, alcanzou o seu punto máis crítico durante o actual mandato de Araceli Gestido (2023-2024). En 2023, o goberno local esborrallou o investimento a mínimos históricos con 676.549 euros (25,24 €/hab.), e no 2024 apenas subiu a 834.092 euros (31,22 €/hab.). «Levaron o servizo a unha situación límite por pura e dura falta de vontade política e xestión. Temos os contedores desbordados e problemas de salubridade porque o Concello decidiu non gastar os cartos que recada en recoller o lixo», sinalan

Culpar ás vítimas

Ante esta situación de deterioro continuo, o PP de Cangas criticou novamente o borrador da nova ordenanza reguladora do servizo, a piques de finalizar a fase de exposición pública. A formación advirte de que este documento ten un carácter exclusivamente «punitivista e recadatorio», cuxo único obxectivo é sancionar ao cidadán.

«A alcaldesa e os seus socios pretenden pasarlle aos veciños a factura da súa propia incompetencia. A culpa de que o lixo se acumule en Cangas non é da xente, é dun goberno que é incapaz de traballar e mantén o contrato coa empresa concesionaria caducado dende hai case oito anos a base de prórrogas forzosas», sentencian os populares.

Desde o PP reiteran a súa esixencia de retirada deste texto e instan ao tripartito a negociar cos colectivos e consensuar esta ordenanza así como a deixar de utilizar á veciñanza como escudo para tapar a súa parálise.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *