Concelleira e alcalde cos menores no campamento nunha edición anterior.

Este campamento desenvolverá entre o CEP e a Casa de Cultura e priorizará á cativada empadroada en Vilaboa

O Concello de Vilaboa pon en marcha unha nova edición do seu programa de conciliación familiar para as vindeiras vacacións estivais, Vilaverán, que oferta actividades lúdico-formativas para rapaces e rapazas de entre 3 e 14 anos durante os meses de verán. Nesta edición, na que as persoas interesadas poderán formalizar a súa inscrición desde o día 4 ata o 26 de maio, o Concello mantén as novidades da edición anterior para favorecer a conciliación da vida persoal, familiar e profesional, mantendo ao mesmo tempo as 400 prazas distribuídas en quendas de 15 días.

Co obxectivo de adaptarse ás necesidades das familias, Vilaverán ofrecerá de novo dúas opcións horarias, ampliando o horario máis extenso desde as 7.30 ata as 15.30 horas e mantendo o horario ordinario entre as 9.00 e as 14.00 horas. Os prezos varían en función da franxa escollida e sitúanse entre os 60 e os 40 euros por quincena, con matrícula gratuíta para as familias usuarias dos Servizos Sociais municipais.

Mantense tamén a baremación de acceso, que establece prioridade para os nenos e nenas empadroados en Vilaboa, para menores escolarizados nos centros educativos do municipio e para fillos e fillas de familias que traballen no termo municipal, reforzando así o obxectivo de facilitar a conciliación. Tamén terán prioridade as vítimas de violencia de xénero, as familias monoparentais e os menores con distintos graos de discapacidade.

A actividade desenvolverase entre as instalacións do Colexio Plurilingüe de Riomaior e a Casa de Cultura, configurándose como un campamento de verán dirixido á poboación infantil e xuvenil que permite gozar de actividades educativas durante o período estival, de luns a venres, durante os meses de xullo e agosto. O programa ofrece ás familias unha ferramenta eficaz para conciliar, ao tempo que promove valores de corresponsabilidade, convivencia e participación. Unha das sinais de identidade do Vilaverán é a aposta por actividades ao aire libre e en contacto coa natureza, aproveitando os recursos e espazos do municipio.

O Concello publicará as listas provisionais o 5 de xuño e as definitivas o 11 de xuño.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *