O evento literario co que o Concello quere promover a literatura e a lingua galega celebrarase do 15 ao 17 de maio na Alameda. O Premio de Poesía, que ten aberto o prazo ata o 4 de maio, terá de xurado a Ismael Ramos, Tamara Andrés e Silvia Penas
A fin de semana das Letras Galegas será de novo a data escollida para celebrar unha festa literaria coa que gozar e reivindicar a lingua e a literatura galega. O Concello programará para esa fin de semana a Vila das Letras, un encontro entre os que escriben, os que len e os que aman as historias, con coloquios, presentacións de libros, contacontos e actividades infantís, obradoiros…
Coa resaca do éxito da campaña do Día do Libro, adiántanse os dous primeiros nomes confirmados da programación, dúas das voces máis recoñecidas da narrativa galega actual: Pedro Feijoo e María Solar.
O primeiro estará na Vila das Letras o venres pola tarde para falar da súa última novela, “Onde nacen as bestas”, e da súa traxectoria literaria, onde Galicia, as súas tradicións, o misterio e as partes máis escuras e intrigantes da condición humana son ingredientes fundamentais e que o converten nun dos escritores máis seguidos polo público lector do país. A escritora, xornalista e comunicadora María Solar presentará “As malas ideas”, a súa última historia publicada, nunha conversa que promete ser tan intensa e apaixonante como a propia novela. A escritora, que ten cultivado con éxito tanto a literatura xuvenil como a adulta, é unha das voces imprescindibles da narrativa contemporánea en galego. Dúas historias, dúas voces, un mesmo escenario, a alameda de Marín, onde os libros sairán das páxinas para atopar á xente e quedar con ela.
Esta é só a primeira entrega dun programa que se irá completando nas próximas semanas. ‘Vila das Letras’ conta co apoio do Plan Social de Ence.

