Os técnicos de Augas de Galicia iniciaron as actuacións tras unha denuncia do Servizo Provincial de Costas en Pontevedra, pois afectaba á zona de baño da praia de Nerga
A Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático, a través de Augas de Galicia, contribuíu a eliminar recentemente un vertido de augas residuais de carácter municipal que afectaba á ría de Vigo na praia de Nerga no concello de Cangas.
O persoal do Programa de Control de Vertidos (PCV) do organismo autonómico iniciou as actuacións tras unha denuncia do Servizo Provincial de Costas en Pontevedra, pois o episodio afectaba á zona de baño deste areal pontevedrés.
A incidencia tiña orixe na estación de bombeo de augas residuais existente na zona e oseu funcionamento estaba condicionado pola sobrecarga hidráulica que afectaba á infraestrutura de saneamento municipal, o que provocaba cortes na subministración eléctrica da impulsión e fallos na capacidade de bombeo.
Ante esta situación, os técnicos de Augas de Galicia informaron da situación ao Concello de Cangas para que, como titular da rede e competente da súa xestión, adoptara as medidas oportunas co fin de eliminar o foco contaminante.
Nunha inspección posterior á zona, persoal do PCV comprobou que o Goberno local procedera á reparación do sistema de bombeo, co que se puxo fin ao vertido e á contaminación asociada aos aportes irregulares ao dominio público hidráulico.

