Máis de 350 deportistas e 50 clubs competirán durante dúas xornadas nas augas da ría, nun evento que esgota a capacidade aloxativa do municipio

O Concello de Vilaboa e o Club Náutico Cobres acollen esta fin de semana o I Campeonato de España de Kayak de Mar, unha cita deportiva de máximo nivel que reunirá no municipio máis de 350 deportistas pertencentes a 50 clubs de todo o país co colaboración da Federación Galega de Piragüismo. A elevada participación provocou unha ocupación total dos establecementos hoteleiros de Vilaboa, o que obrigou a varias delegacións a buscar aloxamento en concellos limítrofes, videnciando o impacto económico e turístico que o evento xa está a xerar na comarca.

O porto de Santa Cristina de Cobres será o epicentro da competición, que se desenvolverá ao longo de dúas intensas xornadas. As probas comezarán o sábado 28 de marzo, cun programa que se estenderá de 9:00 a 15:00 horas. A xornada incluirá saídas para categorías infantís, cadetes, paracanoe, tradicional e sénior, destacando a proba de 15 quilómetros, que partirá ás 13:30 horas e que levará ás embarcacións a percorrer un dos tramos máis espectaculares da ría.

O domingo 29, a actividade retomarase ás 9:30 horas e prolongarase ata as 14:30 horas, con probas para SS2 mixto, dobre inclusivo, categorías infantís, cadetes, xuvenís, Sub23, sénior e veteranos. As entregas de medallas terán lugar ás 15:00 horas o sábado e ás 14:00 horas o domingo.

Durante toda a fin de semana, veciñanza e visitantes poderán gozar dun auténtico espectáculo deportivo vendo ás embarcacións competir e adestrar nun escenario privilexiado: as augas da ría de Vigo, cun percorrido que parte do peirao de Santa Cristina e se adentra cara Rande, un tramo que combina beleza paisaxística e esixencia técnica.

O Club Náutico Cobres, anfitrión da proba, volve demostrar a súa capacidade organizativa e o seu compromiso co impulso do piragüismo, consolidándose como un referente autonómico e nacional. O seu traballo constante, a súa aposta pola base e a súa implicación coa comunidade fixeron posible que Vilaboa acolla unha competición desta magnitude, situando ao municipio no mapa estatal do deporte náutico.

O club traslada tamén o seu agradecemento ás empresas e entidades colaboradoras, cuxo apoio é fundamental para facer realidade este evento. A súa implicación, tanto loxística como económica, permitiu reforzar a calidade organizativa da proba e contribuíu a que Vilaboa poida ofrecer unha fin de semana deportiva á altura das grandes competicións nacionais.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *